As obras de remodelación de Concepción Arenal e da Rúa da Ponte arrancarán esta semana

Marín
21 de febreiro 2024

Beirarrúas máis anchas e cómodas, renovación dos pavimentos e uso compartido coa bicicleta, eixos nos que se sustentarán as obras

Tramo da rúa Concepción Arenal que será remodelado
Tramo da rúa Concepción Arenal que será remodelado / Concello de Marín

Esta semana comezarán as obras en dúas das rúas máis céntricas do casco urbano de Marín.

O tramo sen humanizar de Concepción Arenal e a Rúa da Ponte cambiará a súa fisionomía para pasear por elas e desfrutalas facendo un uso compartido do espazo urbano máis xusto entre o coche e o tránsito peonil.

Este proxecto forma parte dunha estratexia de mobilidade sostible máis ambiciosa auspiciada pola Xunta de Galicia, administración que financia os traballos, para fomentar entre Pontevedra e Marín un eixo común no que se favorezan os desprazamentos a pé e en bici.

En total, actuarase en cerca de 2,5 quilómetros de lonxitude, comenzando este luns polo tramo de Concepción Arenal, onde se entroncará coa parte que xa se humanizou no seu día, aplicando solucións similares: 

Segundo explicou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, "haberá unha redistribución dos espazos, para dotar de máis amplitude ás beirarrúas, reordenando o espazo de estacionamento, as zonas de carga e descarga e, por suposto, atendendo ao cen por cen ás esixencias de accesibilidade universal".

Así, co novo deseño e cando a execución dos traballos remate, contará cunhas beirarrúas máis amplas, nas que se reforzarán puntos de luz (especialmente nos pasos de peóns) e colocaranse novas xardiñeiras, bancos e papeleiras; e un pavimento renovado para o tráfico rodado. Os colectores manteranse no lado dereito ao longo de todo este tramo para facilitar a carga lateral na recollida. 

A inversión que se realizará entre este tramo que empeza e o da Rúa da Ponte, que será a seguinte fase, ascende a máis de 920.000 euros.