A construción de vivenda (obra nova e rehabilitación) na cidade de Pontevedra e a súa área de influencia mostra signos de fortaleza. E sinal desa vitalidade son os Expedientes de Dirección de Obras tramitados durante o ano 2022 na Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo), un dos principais indicadores para coñecer a evolución da actividade construtora, que creceron un 22,68% e que durante o pasado exercicio sumaron 914 expedientes, fronte aos 745 do ano 2021.
O sector da vivenda na cidade de Pontevedra e o norte da provincia parece estar á marxe da incerteza económica que aínda vive o sector e que está xerada polos efectos da Guerra de Ucraína, a subida do prezo dos materiais básicos e da enerxía, a escaseza de man de obra especializada e o encarecemento do crédito, fundamental para financiar proxectos inmobiliarios e permitir o acceso á vivenda.
Por outra banda, Pontevedra e a súa área de influencia segue apostando pola rehabilitación do seu parque de vivendas. Os Expedientes de Dirección de Obra tramitados en Pontevedra e nos municipios dependentes da Delegación do Coatpo na urbe do Lérez en 2022 destinados a reformas avanzaron un 34,23%, ao pasar dos 444 rexistrados en 2021 aos 596 de todo o pasado exercicio.
Así mesmo, as novas promocións de vivendas creceron un 5,65%. E pasaron dos 301 expedientes de dirección de obra en 2021 aos 318 do exercicio recentemente finalizado, segundo datos do Gabinete Técnico do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra, con sedes nas cidades de Vigo e Pontevedra.
A rehabilitación representou en Pontevedra e a súa zona de influencia durante 2022 o 65,2% dos expedientes tramitados, mentres que a obra nova equivale ao 34,8 por cento nese mesmo período.
NUBOEIROS E INCERTEZA
O presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra, Manuel Rañó, cre que o sector da construción en Pontevedra e a súa área "está a se comportar con solidez". "Ofrece garantías e está a resistir con fortaleza aos embates da crise", apunta o máximo responsable dos aparelladores da provincia, encargados da dirección da execución material da obra e do control e calidade da construción.
Manuel Rañó sinala que no horizonte do sector "aínda permanecen algúns nuboeiros". E refírese á "incerteza económica" xerada por mor da invasión de Rusia a Ucraína, un causante que provocou unha subida dos prezos da enerxía e un repunte do custo dos materiais de construción. As autoridades monetarias da Unión Europa tratan agora de atallar a inflación cunha subida de tipos de interese, alzas que tamén impactan na construción.
"Os custos de financiamento encarécense e representan unha barreira para as empresas do sector que pretenden financiar novos proxectos inmobiliarios e, ao mesmo tempo, para as familias que queren acceder a unha nova vivenda", lembra o presidente do Coatpo. A pesar deste panorama, Manuel Rañó, destaca que, "ante esta tormenta perfecta", o sector na provincia de Pontevedra está "a aguantar con solvencia".
"A falta de traballadores formados é tamén un lastre para a nosa actividade", lembra.
O presidente dos aparelladores da provincia tamén destaca o protagonismo da rehabilitación na cidade de Pontevedra e a súa área. "Atreveríame a dicir que é unha das cidades de España que máis e mellor aposta pola rehabilitación das súas construcións", apunta Manuel Rañó botando man dos datos que lembran que os expedientes representaron o 65% dos expedientes tramitados desde o Coatpo en 2022, fronte ao 35% dos expedientes en obra nova.
Tamén destaca que a capital pontevedresa e a súa contorna "está a aproveitar ao máximo" a oportunidade que ofrecen as axudas Next Generation para rehabilitación enerxética, procedentes da Unión Europea. E fai un chamamento ás Administracións públicas competentes para "simplificar e facilitar os trámites da normativa que regula as axudas de eficiencia enerxética en vivendas para así garantir a súa máxima execución".
INCREMENTO DOS PRESUPOSTOS
A subida de prezos tamén se está deixando notar no Presuposto de Execución Material (PEM), que reflicte desde o inicio do proxecto todos os custos que implicará unha obra incluíndo materiais, man de obra e medios auxiliares. O PEM dos Expedientes de Dirección de Obras tramitados en Pontevedra e os municipios da súa área durante 2022 sumou 129 millóns de euros. Esa cantidade en 2021 quedou a uns miles de euros de chegar aos 100 millóns.
O Presuposto de Execución Material medio de cada obra foi de 143.739 euros, un 8,33% de crecemento fronte ao PEM medio de cada proxecto rexistrado en 2021 e que chegou aos 132.692 euros, segundo datos do Gabinete Técnico do Colexio da Arquitectura Técnica de Pontevedra. "O PEM tamén traslada esa subida de prezos que está a vivir o sector", apunta.
"A situación inflacionista dos prezos dos materiais e da enerxía, ao que hai que engadir un incremento no custo dos salarios para conseguir profesionais especializados, trasládase, sen dúbida, aos Presupostos dos proxectos de vivenda", que sempre son orientadores. Manuel Rañó confía en que estas circunstancias non supoñan unha freada nos "optimistas" datos da evolución da construción, un sector que representa o 10 por cento do PIB da economía de Galicia e que "está a responder con garantías" a unhas circunstancias adversas.