As obras de reforma urbana e rural suporán un terzo dos investimentos municipais en 2021

Pontevedra
20 de decembro 2020

Ata 12,9 millóns de euros destinará o goberno municipal de Pontevedra a investimentos directos en 2021. É o diñeiro que BNG e PSOE incluíron na primeira fase do orzamento municipal, que pecharon en 80,7 millóns de euros. Pero, a que dedicará o Concello ese diñeiro?

Obras de reforma da rúa Loureiro Crespo
Obras de reforma da rúa Loureiro Crespo / Mónica Patxot

Ata 12,9 millóns de euros destinará o goberno municipal de Pontevedra a investimentos directos en 2021. É o diñeiro que BNG e PSOE incluíron na primeira fase do orzamento municipal, que pecharon en 80,7 millóns de euros.

Pero, a que dedicará o Concello ese diñeiro? Pois ben, as principais partidas estarán reservadas para actuacións en materia de accesibilidade e mobilidade. Haberá obras por 2,8 millóns de euros, dos cales 1,5 millóns serán para o rural e 1,3 para a zona urbana.

Á rehabilitación do Centro Sur de Campolongo, que acometerá unha nova fase en 2021, destinaranse 1,57 millóns de euros, que proceden dos fondos europeos FEDER. Haberá uns 750.000 euros para xardíns e zonas verdes e 724.000 euros para o novo vial de Mollavao. 

Ademais, as contas de 2021 reservan 450.000 euros para renovar a iluminación (300.000 no rural e 150.000 na cidade), uns 375.000 euros para a construción de novos nichos, 330.000 euros para parques infantís e 257.000 euros para a creación da plataforma para xestionar o transporte público a demanda.

Pontevedra destinará 256.000 euros a instalacións deportivas (máis 60.000 para o proxecto da Parda), outros 200.000 euros á rehabilitación de dependencias municipais, 180.000 euros para reformas no parque de Bombeiros e 150.000 euros a parques forestais, a mesma cantidade que para actuacións nas casas de cultura. 

Haberá 75.000 euros tanto para conservación do patrimonio como para obras en centros escolares e para a compostaxe, 68.000 euros para sendas e pontes, 60.000 para renovar a rede de sumidoiros, 50.000 para a rede de auga e 40.000 para instalacións culturais.

Ademais, 280.000 euros serán para maquinaria e materiais en diferentes servizos municipais, outros 280.000 euros para transporte de Policía Local e Bombeiros, 428.000 euros para mobiliario, entre eles 140.000 euros para composteiros e contedores de lixo, e máis de 175.000 euros para a adquisición de equipos informáticos.

Dentro do orzamento para 2021 tamén se inclúen os 1,5 millóns de euros que o Concello deberá achegar para o Gran Montecelo ou o millón reservado para o plan Supera21, 600.000 euros para as axudas a sectores afectados e os 400.000 euros para a adquisición de computadores para as familias con menos recursos. 

A este diñeiro, en todo caso, o Concello sumará os máis de 20 millóns de euros en remanentes que se prevén incorporar no orzamento na primavera, a través dunha modificación de crédito, e que serán practicamente na súa totalidade para novos investimentos.

Nestas cantidades non se inclúen os investimentos que se están realizando en saneamento e abastecemento de auga no rural, que corren a conta do novo contrato da auga e que, na súa inmensa maioría, quedarán terminadas ao longo de 2021.