A falta de pequenos detalles, entre eles a instalación de novas luminarias, as obras de reforma integral do núcleo de Saíñas, en San Salvador de Poio, xa están rematadas.
As boas condicións meteorolóxicas das últimas semanas permitiron que os traballos avanzasen de xeito notable, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, para o que este cambio experimentado no lugar "é máis que evidente".
Os últimos traballos realizados pola empresa COVSA consistiron na instalación dos servizos básicos e a nova superficie, moito máis respectuosa coa contorna e que tamén serve para darlle un maior protagonismo ao tránsito peonil.
Esta obra, que agora continuará nos núcleos da Puntada e Portosanto, ten un orzamento que roza o millón de euros, financiados a través de fondos da Deputación de Pontevedra.
"É unha das máis ambiciosas do mandato actual", destacou o edil socialista, que confía en que, se non se producen contratempos, estará lista en poucos meses.
Desde o Concello subliñan que esta actuación axudará a dinamizar un núcleo de referencia na parroquia de San Salvador, onde hai importantes puntos de encontro para a veciñanza, como a escola infantil de Saíñas, as áreas de lecer ou a Casa Museo de Colón.