As obras de reforma da casa consistorial estarán finalizadas o 20 de xaneiro, na celebración de San Sebastián

Pontevedra
22 de novembro 2023

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, a concelleira Eva Vilaverde e técnicos municipais realizaban una visita este mediodía á casa consistorial para comprobar o avance das obras. O rexedor indicou que se está a estudar a posibilidade de realizar a recepción dos Reis Magos este Nadal neste edificio que destaca pola súa luminosidade

Visita do alcalde ás obras de rehabilitación da Casa Consistorial
Visita do alcalde ás obras de rehabilitación da Casa Consistorial / Mónica Patxot

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, a concelleira Eva Vilaverde e técnicos municipais realizaban unha visita no mediodía deste mércores á casa consistorial para comprobar o avance das obras. 

O rexedor mostrouse moi satisfeito coa imaxe que ofrece o interior do edificio, obra orixinal de Alejandro Sesmero. Os traballos de rehabilitación son executados por parte da UTE formada pola compañía pontevedresa Construcciones Ramírez e a portuguesa Revivis.

Actualmente falta por finalizar a remodelación de espazos na zona do soto, detalles xerais e a instalación do mobiliario. A intención do goberno local é que os traballos estean totalmente finalizados o 20 de xaneiro, celebración de San Sebastián. 

Pero Lores non descarta a posibilidade de realizar algún pleno previo ou mesmo desenvolver no inmoble a recepción dos Reis Magos durante este Nadal. 

"Están traballando seriamente cumprindo os prazos", manifestou o alcalde durante a visita lembrando que o edificio se ha recuperado para ofrecer garantías de accesibilidade, ascensor, baños inclusivos que permitan o cambio de cueiros de bebés e que poidan ser utilizados por persoas ostomizadas. "Estou moi contento co resultado da obra", asegurou Fernández Lores.

 Gracia Amandi, arquitecta de Uña-Amandi Arquitectos, explicou que se espera que a obra estea finalizada o 10 de xaneiro. Indicou que o máis difícil para unha obra destas características é "ser respectuoso coa obra orixinal, respectando os valores".

Un dos aspectos máis destacables da reforma atópase na luminosidade que ofrecen todas as estancias. "É un dos elementos principais", subliñou a arquitecta facendo referencia ao lucernario que permite a entrada de luz a todo o edificio e a fachada acristalada.

Ademais, na obra resáltase a cantería encalada en branco, cando antes era pedra máis escura. Os solos da planta baixa tamén están conformados por mármore branco e incluíronse madeiras bastante claras.

A madeira predominante é castaño, que figura nos solos, falsos teitos e pezas das caixas construídas para albergar os servizos ou unha plataforma no salón principal a modo de miradoiro da estancia.

No caso das portas, de tonalidade verde e de gran tamaño, utilizáronse tres madeiras diferentes "con materiais máis fáciles de curvar", apuntou Gracia Amandi para afirmar que se buscaba crear unhas portas altas e lixeiras.

A arquitecta indicou que o encarecemento de materiais foi xestionado bastante ben ao realizarse traballos artesanais nos que primou a relación calidade-prezo. "Estou moi satisfeita", admitiu, polo uso de "calidades moi altas a custos moi razoables".

O custo desta actuación na Casa Consistorial situada na Praza de España ascende a 1,36 millóns de euros e o edificio será empregado para actos institucionais e protocolarios, incluíndo vodas civís.