As obras de pavimentación da rúa Alcalde Ezequiel Massoni comezarán a próxima semana

Marín
25 de xullo 2020

Entre os traballos que se levarán a cabo realizarase unha rehabilitación superficial do pavimento, restaurando e mellorando as características do firme para aumentar a súa durabilidade, impermeabilidade, uniformidade... e para corrixir aquelas deficiencias que correspondan

Rúa Ezequiel Massoni de Marín
Rúa Ezequiel Massoni de Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín, dentro dos seus plans de mellora dos servizos, acometeu, en varias etapas, a transformación da rúa Alcalde Ezequiel Massoni até a súa humanización, que mellorou esta importante vía de comunicación da vila.

Agora, iniciará as obras para a renovación do pavimento, que, tal e como se pode ler na memoria da actuación, "acusa un deterioro que alcanza un grao que vai máis alá dunha simple intervención de mantemento" e que ascende aos 89.686,92 euros.

A obra comezará a executarse este próximo luns 27 de xullo cun prazo para a súa finalización de aproximadamente un mes. Entre os traballos que se levarán a cabo realizarase unha rehabilitación superficial do pavimento, restaurando e mellorando as características do firme para aumentar a súa durabilidade, impermeabilidade, uniformidade... e para corrixir aquelas deficiencias que correspondan.

Así mesmo, levarase a cabo unha rehabilitación estrutural, xa que se eliminará parcialmente e se reporá o firme, naquelas capas que están esgotadas até a profundidade que sexa necesario, substituíndoas por outros materiais adecuados.