As obras da Rolda Leste espertan o interese de 21 empresas

15 de xaneiro 2018

Os traballos ascenden a máis de 2 millóns de euros e teñen que estar executados en nove meses

Sede da Deputación de Pontevedra
Sede da Deputación de Pontevedra / Juan Mejuto

As obras para construír a Rolda Leste de Pontevedra veñen de espertar o interese de 21 empresas de ámbito galego e estatal.

O servizo de Mobilidade da Deputación provincial analizará nas vindeiras semanas toda a documentación técnica presentada polas firmas para poder puntuar as propostas. A execución dos traballos está valorada en máis de dous millóns de euros e teñen que estar executados en nove meses.

A mesa de contratación da Deputación abriu o pasado venres os "sobres A" cos datos técnicos. En total foron 21 propostas, entre as 13 firmas individuais e as que presentaron as oito unións temporais de empresas que se asociaron para poder presentarse ao concurso provincial.

Para a valoración das proposicións e a determinación da oferta economicamente máis vantaxosa os técnicos atenderán ao programa e equipo de traballo (ata un máximo de 15 puntos), plan de control de calidade (ata un máximo de 15 puntos), memoria de traballo (ata un máximo de 10 puntos) e ao plan de actuacións ambientais (ata un máximo de 5 puntos).

Posteriormente abrirase o "sobre C", que valorará o menor prezo ofertado (ata 55 puntos).

Estímase que a escolla da empresa estará finalizada no mes de marzo para que as obras se poidan rematar neste mesmo exercicio. 

Arquivado en