As obras da Rolda Leste de Pontevedra impulsadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra encaran a súa fase final e os últimos traballos obrigarán a desviar o tráfico da estrada de Ponte Caldelas (PO-532) dende a mañá deste martes.
O obxectivo é acometer a substitución de servizos no tramo vello de vía e o pavimentado do resto da rotonda e, para que os traballadores poidan facelo sen complicacións, os vehículos deberán circular a través dun treito da glorieta de nova construción na intersección coa vía a Montecelo para deixar libre o ramal vello.
A obra, en execución desde hai once meses, foi adxudicada á construtora Coviastec SL. Nestes momentos, segundo informou a Deputación Provincial, está en prorroga do contrato executando de forma paralela os traballos de alumeado e sinalización de toda a vía e os bordos das beirarrúas.
Os traballos están moi avanzados. Xa está operativa a glorieta central na intersección con Pedra do Lagarto e finalizada a senda peonil e ciclista e de xeito inminente estenderase a última capa de aglomerado para despois proceder ao pintado da sinalización horizontal.
O novo vial comunicará a rotonda da estrada da estrada O Pino-Bora co cruzamento da avenida de Montecelo coa PO-532, un total de 970 metros de lonxitude que darán servizo á parte leste da cidade e facilitarán o acceso ao hospital de Montecelo.
A Deputación prevé que soporte o paso dunha media de 5.000 vehículos diarios, o que supón preto de 90% do tráfico actual que pasa por rúa das Pereiras e a rúa das Olivas. Incluirá beiravías dun metro, cunetas de dous metros e, no lateral dereito, unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo para os tránsitos peonís e ciclistas.
O proxecto tivo que superar diferentes atrancos administrativos dende a súa concepción. En 2013 a Deputación e o Concello asinaron un convenio de colaboración, no 2014 realizouse a redacción do proxecto, e en xuño de 2015 iniciouse a licitación dos traballos. A adxudicación, sen embargo, tivo que ser rescindida por defectos da tramitación e pola necesidade de modificar o proxecto, que non incluía o traslado de torres de alta e media tensión nin as correccións apuntadas pola Xunta de Galicia. Finalmente, en decembro de 2017 reiniciouse a licitación e a obra comezou en agosto de 2018.