Dous anos despois da sinatura do convenio entre o Concello e a Deputación, a Rolda Leste está moi próxima de ser unha realidade. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobará este luns 28 de decembro a adxudicación dos traballos para a súa construción á empresa Elsan, do grupo OHL. Así o avanza, mediante un comunicado, o vicepresidente César Mosquera.
Durante o mes de xaneiro formalizarase o contrato coa firma, que deberá presentar o aval e facer a acta de reformulado da obra. Unha vez se completen todos estes trámites, será en febreiro cando comecen os traballos na zona.
A vía de acceso á cidade infantil Príncipe Felipe e o Hospital Montecelo dende a estrada O Pino-Bora (PO-542) no lugar do Marco está incluída no convenio asinado no ano 2013 entre o goberno local capitalino e o provincial.
Pretendíase que a nova estrada servise para substituír o atallo que actualmente se emprega a través das rúas das Pereiras, as Olivas e Ángel Limeses, "claramente insuficientes e non destinadas a soportar o tráfico actual", segundo sinalou o vicepresidente Mosquera.
No mencionado convenio establécese que a nova infraestruturas terá unha dobre finalidade: dun lado o acceso ao complexo asistencial e doutro a mellora da mobilidade na zona leste da cidade, podendo integrarse no futuro como parte da rolda urbana. O acordo establecía que o financiamento ascendería a 2,4 millóns de euros, dos que a Deputación achega 900.000 euros.
A actuación consiste na execución dunha vía dunha lonxitude de 970 metros cunha única calzada e dous carrís de circulación (de 3,50 metros cada un), con beiravías dun metro máis unha berma de 0,75 metros, así como unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo. Esta pretende "dar resposta á necesidade de continuidade aos tránsitos peonís e ciclistas da contorna e garantir súa accesibilidade", en palabras do vicepresidente.
O trazado iniciarase na glorieta existente construída recentemente na PO-542 dentro da obra de desdobramento da estrada O Pino-Bora. A partir de aí a nova vía tomará dirección nordés e, ascendendo cunha pendente máxima do 8,5%, alcanzará a estrada provincial, na que se levantará unha nova rotonda. A partir dela a pendente suavizarase, discorrendo por unha zona de vaguada, ata finalizar nunha terceira glorieta, que se construirá sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo. Este entronque modificarase para realizar a nova conexión.
En base aos vehículos que utilizaban a rúa das Pereiras e a rúa das Olivas, que a Rolda Leste terá unha intensidade media diaria de 5.000 vehículos
As seccións tipo que se proxectan para as glorietas da EP-0003 e da PO-532 constan dunha calzada con dous carrís de 4,5 metros cada un e beiravías dun metro. A primeira presenta un diámetro exterior de 42 metros, mentres que a segunda, que consta de catro accesos e deixa previsto un quinto para a prolongación da Rolda Leste, dispón dun diámetro exterior de 50 metros.
5.000 VEHÍCULOS DIARIOS
En total, os redactores do proxecto calculan, en base aos vehículos que utilizaban a rúa das Pereiras e a rúa das Olivas, que a Rolda Leste terá unha intensidade media diaria de 5.000 vehículos, pero cunha diferenza moi marcada en función da dirección. Así, no tramo entre dende O Pino-Bora cara a Montecelo estímase un tránsito diario de máis de 3.700 vehículos, mentres que na dirección contraria estímase un tráfico duns 1.200 vehículos.
En canto ao tráfico pesado, o estudio realizado determinou que o tránsito era inferior a 25 vehículos de grandes dimensións ao día, se ben considerouse que "dadas as favorables características xeométricas da Rolda Leste estas permitirían incrementar a circulación de vehículos pesados evitando as angostas vías da zona".