As obras da Rolda Este finalizarán dous meses despois do anunciado, en xullo

Pontevedra
10 de maio 2019

Nestes momentos as obras en marcha consisten na extensión dunha das capas para asentar o firme (macadam), que xa está aplicada entre a parte superior da vía e zona da glorieta central, traballo que continuará a semana próxima, aproveitando o bo tempo, entre Pedra do Lagarto e a zona do Marco

Obras de construción da Ronda Leste
Obras de construción da Ronda Leste / Mónica Patxot

A nova Rolda Leste de Pontevedra estará rematada a mediados do vindeiro mes de xullo, máis de dous meses despois do anunciado nun primeiro momento: maio. 

A Deputación Provincial de Pontevedra, institución promotora da obra, anunciou a data este venres. Segundo indican, nestes momentos as obras en marcha consisten na extensión dunha das capas para asentar o firme (macadam), que xa está aplicada entre a parte superior da vía e zona da glorieta central, traballo que continuará a semana próxima, aproveitando o bo tempo, entre Pedra do Lagarto e a zona do Marco. 

Segundo explica o director de obra, nestes momentos está xa finalizada a explanación do terreo, feitas as cunetas, os peches dos muros e tamén a escavación da rotonda superior. Tamén están canalizadas a meirande parte dos servizos excepto o gas e a telefonía da parte superior, á espera das empresas subministradoras.

Prevese que nas vindeiros semanas, unha vez pasadas as chuvias que provocaron moitos arrastres no terreo -foi preciso o traballo con compactadoras para asentalo-, se rematen os traballos das capas da base do firme e tamén do aglomerado.

Tocará logo a quenda da construción das novas glorietas, unha na EP-0003 e outra sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo. Unha vez executadas as glorietas, entrarase na última fase de obra, cando se instalarán as novas luminarias, a sinalización vertical e o pintado da horizontal, así como a senda peonil e ciclista. 

A Rolda Leste terá unha lonxitude de 970 metros cunha calzada de dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un, beiravías dun metro, máis unha berma de 0,75 metros, cunetas de dous metros e, no lateral dereito, unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo para os tránsitos peonís e ciclistas. 

Arquivado en