As obras da nave Froiz en Barro avanzan a gran ritmo

Barro
06 de febreiro 2019

A primeira nave que formará parte do gran centro loxístico que o Grupo Froiz construirá no polígono de Barro comeza a ser visible. A construción do inmoble, que acollerá as instalacións para produtos conxelados, avanza a gran ritmo

Obras da nave de conxelados de Froiz no polígono de Barro
Obras da nave de conxelados de Froiz no polígono de Barro / Deputación de Pontevedra

A primeira nave que formará parte do gran centro loxístico que o Grupo Froiz construirá no polígono de Barro comeza a ser visible. A construción do inmoble, que acollerá as instalacións para produtos conxelados, avanza a gran ritmo.

Así o comprobaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que visitaron estas obras e celebraron os "grandes avances" que está a experimentar un proxecto chamado a ser un "polo" de atracción

"Isto vai atraer a moitas outras empresas porque o polígono de Barro está nun lugar inmellorable", explicou Silva. 

Pola súa banda, o alcalde de Barro destacou que esta nave de Froiz "xa pronto será unha realidade"e recordou que unha vez que rematen con esta obra, "xa teñen plans de pronto empezar coa nave grande".  Todo isto, engadiu, daralle "moita máis visibilidade" ao polígono e será "un tirón" para outras empresas.

Froiz dispón no polígono de Barro dun total de 18 parcelas. Este primeiro proxecto en marcha converterase nunha plataforma para produtos conxelados. En breve comezarán xa os traballos para outra nave moito máis ampla.

Na actualidade contan con parcelas no polígono de Barro outras empresas como CAENOR, EDF Solar, Gasóleos Xeve, GESCOGRA, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Frutas Moncho, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, BALVALEN, Áridos de Curro, TC Group Atlántico, Yatecomeré e Estación de Servizo Low Cost.

Xunto coas parcelas de solo industrial, o polígono tamén inclúe un centro de servizos de apoio empresarial e o viveiro de empresas da Deputación.

O polígono de Barro conta cunha superficie de 258.436 metros cadrados, dos que o 56,5%  están ocupados na actualidade.