As obras da A-57 engalánanse para recibir a Rajoy e Lores

Pontevedra
01 de abril 2018

Os traballadores continúan a realizar tarefas este domingo, xerando indignación no colectivo Salvemos a Fracha, que amosou a súa "indignación, frustración e cabreo". Consideran que o lugar escollido é "unha burla e unha vergoña", pois está no núcleo no que máis impacto ten a autovía

Carpa para a visita de Rajoy ás obras da A-57 en Pintos
Carpa para a visita de Rajoy ás obras da A-57 en Pintos / PontevedraViva

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, visitará este luns as obras do primeiro tramo da autovía A-57, 6,5 quilómetros entre Vilaboa e o lugar de A Ermida, en Marcón, que levan máis de dous anos en obras. A visita, á que tamén está confirmada a presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, motivou nos dous últimos días unha actividade frenética na contorna para adaptar o espazo a un acto institucional

Os traballadores dunha empresa externa levan desde primeira hora da mañá deste sábado 31 de marzo traballando para engalanar un punto do lugar de Pintos, en Marcón, no que se instalaron dúas carpas e se instalou moqueta. Previamente, realizáronse tarefas para limpar a contorna e mellorar os accesos e fixéronse recheos de última hora con terra trasladada desde outras zonas en obras.

Os traballadores continúan a realizar tarefas na tarde deste domingo, xerando indignación veciñal no colectivo Salvemos a Fracha, nacido para opoñerse ás obras desta autovía e que pediu a súa paralización sen éxito ante a Audiencia Nacional

A plataforma veciñal amosou a través das redes sociais a súa "indignación, frustración e cabreo" pola visita de Rajoy e Lores ás obras e consideran que o lugar escollido para montar a carpa é "unha burla e unha vergoña", pois a zona está no medio de varias casas, no núcleo de poboación no que máis impacto ten a autovía

"Non tiveron espalda para recibirnos, non nos escoitaron pero agora veñen de visita á zona mais afectada facendo mofa de todos", critica este colectivo, que, ademais, explica que para habilitar o terreo desprazáronse ata Pintos en plena Semana Santa unha grande cantidade de operarios, camións, escavadoras e apisoadoras e mesmo instalaron un valado na zona. 

Ademais, critican que son dous dias de traballo que "nos vai saír a todos do peto" para que Lores e Rajoy paseen polas obras, "un diñeiral para probablemente unha hora de visita".

Á visita tamén está confirmada a presenza dos presidentes da Xunta e do Parlamento de Galicia, Albeto Núñez Feijóo e Miguel Ángel Santalices.

Arquivado en