A paixón polas dúas rodas volverá a Marín esta fin de semana coa XVII Concentración Moteira Villa de Marín, organizada polo club Golfiños de Marín e que se desenvolverá do venres ao domingo nunha carpa instalada na Praza de España.
Os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanamartín presentaron este xoves a programación que arranca o venres coa apertura das inscricións ás 18.00 horas e xa ás 21.00 horas comezará o reparto do chouripán. Pola noite, ás 23.00 horas, será o concerto de Four Passengers e dos Dj Rubén Díaz e Toño.
O sábado pola tarde, a partir das 18.00 horas, iniciarase a ruta mototurística polo municipio e ás 20.30 horas, un stunt a cargo de Rui Armada. Despois da cea, chegará a ruta noctura con antorchas, que arrancará ás 00.00 horas e estará seguida da entrega de trofeos e regalos e da sesión de música dos Dj Rubén Díaz e Toño.
Xa o domingo, Rui Armada repetirá exhibición ás 12.00 horas, para finalmente, tras unha sesión vermut, clausurar o evento ás 14.00 horas.
BATALLA DE FLORES NOCTURNA
Por outra banda, con motivo das Festas do Carme 2024, o Concello de Marín organiza a Batalla de Flores Nocturna o xoves 11 de xullo de 2024 ás 22:30 horas. Partirá dende as instalacións do Porto, á altura de Nodosa, pasando por Avenida de Ourense, Praza de España, Almuíña, Jaime Janer e Concepción Arenal, rematando á altura do Parque Eguren.
Poderán participar nenos nacidos antes do 31 de decembro de 2018, tendo preferencia os empadroados en Marín. Os disfraces serán acordes aos motivos da carroza correspondente. Os nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2016 ata o 31 de decembro de 2018 deberán obrigatoriamente ir acompañados dunha persoa adulta, que terá que ir tamén caracterizada segundo a temática da carroza.
En todos os casos, será preciso cubrir o anexo I, que se pode atopar xunto co documento das normas na programación dixital do verán (www.concellodemarin.es/veranmarin) e entregalo acompañado de copia do DNI do solicitante e do responsable acompañante. Pode depositarse presencialmente en Alcaldía ou por correo electrónico [email protected]. O prazo para facelo será do 1 ao 5 de xullo, ata cubrir todas as prazas.
Haberá unha reunión previa o martes 9 de xullo ás 21:00 horas no Museo Manuel Torres, onde se explicarán os aspectos específicos para que a batalla de flores se desenvolva con total seguridade.
OUTRAS ACTIVIDADES DESTA FIN DE SEMANA
Ademáis, o deporte será protagonista co Torneo Antonio Suárez do Marín Futsal, que se prolongará durante o venres e o sábado. O venres tamén haberá Festa de Fin de Curso da Banda de Música de Marín, ás 18.00 horas, na Alameda, e teatro, coa actuación de "A Lola", organizada polo Ateneo Santa Cecilia, ás 20.00 horas no salón de actos do IES Illa de Tambo.