As necesidades de subministración eléctrica do AVE reavivan o proxecto de subestación de Bértola

Vilaboa
25 de maio 2018

 Adif é consciente da oposición veciñal que ten o proxecto, pero aseguran que se realizaron estudos e analizado todas as alternativas posibles e "esta era a única opción para poder facer esta subestación", necesaria para garantir a alimentación dos trens de alta velocidade

Traballos no tendido eléctrico da liña ferroviaria
Traballos no tendido eléctrico da liña ferroviaria

As necesidades de subministración eléctrica que impón a pronta entrada en funcionamento da alta velocidade ferroviaria no ano 2019 levaron ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) a pedir a Rede Eléctrica Española (REE) que retome o proxecto dunha subestación eléctrica na parroquia de Bértola, en Vilaboa, que leva anos en stand by tras atoparse unha forte oposición veciñal. 

Fontes de Adif confirmaron este venres que se retoma o proxecto co obxectivo de "mejorar los servicios ferroviarios", pois faise necesario contar en Pontevedra cunha subestación eléctrica que alimente a catenaria se se quere garantir a frecuencia dos trens coas condicións que esixe a alta velocidade. 

Segundo explicaron, na actualidade hai no Eixo Atlántico dúas subestacións que alimentan o servizo ferroviario, pero as dúas están na provincia da Coruña e entre as estacións de Santiago de Compostela e Vigo non hai ningunha.

Esas dúas subestacións garanten unha capacidade de catro trens en cada sentido entre Vigo e Santiago, pero, en caso dalgunha incidencia ou falta de abastecemento, "la capacidad y la fiabilidad de la línea bajaría muchísimo" e redúcese a un posible tren por sentido, claramente insuficiente ante a chegada da alta velocidade. 

Liñas deste tipo esixen unha subestación cada 70 quilómetros, de modo que unha nova instalación é "imprescindible para la llegada de la alta velocidad" e necesaria para poñer en servizo máis trens, garantir velocidades e regularidade e reducir tempos. Coa subestación de Bértola pasarán a ter unha capacidade para circular trens tipo AVE cun tren cada cinco minutos e, en caso de problema, poderían manterse frecuencias dun cada 15 minutos.

A necesidade dunha subestación nalgún punto entre Santiago e Vigo fíxolles valorar todas as alternativas posibles, tanto retomar o proxecto de Bértola como afrontar outros novos ou reforzar a catenaria ou as subestacións actuais, pero desde Adif insisten en que finalmente se decantaron por reavivar esta instalación de Vilaboa.

A empresa pública é consciente da oposición veciñal que ten o proxecto, pero aseguran que se realizaron estudos e analizado todas as alternativas posibles e  "esta era la única opción para poder hacer esta subestación"

Fontes de Adif confirman que a subestación está terminada e tan só faltaría equipar a instalación, de modo que barallan que Rede Eléctrica acabaría o seu proxecto e eles poderían facer a conexión con tempo para que estea en funcionamento cando chegue a alta velocidade no último trimestre de 2019. Garanten tamén que Rede Eléctrica executará as obras asegurando un impacto visual pequeno cunha pantalla vexetal.

Desde o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias responden as críticas e oposición veciñal que xa se prevé á vista do activos que estiveron os veciños e o Concello de Vilaboa ata que en 2014 o proxecto se paralizou. Aseguran que a instalación conta con todas as autorizacións de Industria e ambientais necesarias para a posta en marcha, pois as que tiñan no seu día no proxecto non caducaron, teñen vixentes.

Lembran, ademais, que Rede Eléctrica gañou o contencioso-administrativo que se presentou contra o proxecto. Tras esa sentenza favorable, o Concello de Vilaboa recorreuno ante o Tribunal Supremo.