Vinte e cinco anos non son nada se se conta co gran respaldo popular que ten o Concurso de Murgas de Pontevedra. De novo, o Pazo da Cultura encheuse ata a bandeira para que centos de pontevedreses puidesen gozar da retranca e a ironía mostrada na primeira eliminatoria do certame, na que actuaron o primeiras catro murgas das oito que participan este ano.
Como era de esperar, houbo temas que non puideron obviar todas as murgas participantes. E entre eles, un por encima de todo: a agresión a Rajoy en Pontevedra durante a pasada campaña electoral.
Pero tamén a prórroga a ENCE, con maior ou menor contundencia en favor do seu traslado, a negociación entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias para formar goberno en Madrid, os premios internacionais recibidos polo modelo urbano de Pontevedra ou a despedida de Rafael Louzán, tras a súa saída da Deputación e da presidencia do PP pontevedrés, protagonizaron as divertidas coplas das murgas.
Nesta primeira eliminatoria do concurso, á parte de Os da Baiuca -gañadores do ano pasado- que apostaron este ano por vestirse de cociñeiros; participaron a Murga Feminina, formada integramente por mulleres que parodiaron a moda do running; Os do Val do Lérez, que chegaron reconvertidos nun taboleiro de parchís; e Os de Noalla, cuxos integrantes portaban rechamantes e coloridos disfraces.
Este mércores celebrarase a segunda eliminatoria do concurso, na que subirán ao escenario Equipo Ja, Charanga PTVIX, Vai pola Ría e Charanga do Naveiro.
O catro máis valoradas polo xurado enfrontaranse na gran final do xoves.