Cun Pazo de Cultura, como é habitual nesta cita do Entroido, cheo ata a bandeira, comezou a edición número 31 do certame de murgas. Fíxoo con cinco das dez agrupacións a concurso, que despregaron sobre o escenario todo a súa arte, ironía e bo humor.
Os encargados de abrir fogo nesta primeira eliminatoria foron os compoñentes de Val do Lérez que, vestidos como camareiros dun bar moi peculiar, empezaron ás escuras para loitar contra o cambio climático "como as luces do Nadal" en Pontevedra.
Chancearon coa canción de Shakira sobre Piqué, pero "todos aquí esperamos a que pase algún día, repetir ese bombazo pero que cante a raíña Sofía" ou con Juan Carlos I "que cando estire a perna vai dar máis voltas que a raíña de Inglaterra (...) facendo paradas en todos os puticlubs".
Da crónica local ironizaron con que a Lores "metéuselle na cabeza que se tiña que pechar Raíña Vitoria e o que digan os demáis non lle interesa" ou que queira encher a cidade con triatletas "e como o dá todo por Pontevedra porá un traxe de neopreno e un flotador de nenos".
A continuación actuaron dúas murgas do Grove, Os Arrombados e Janas de Leria -esta última gañadora do concurso celebrado no municipio meco-.
Os primeiros, cunhas coplas moi centradas na actualidade da súa localidade, vestiron dos "fodechinchos que nos inundan as Rías Baixas" e que veñen ao Grove "a chuchar nos berberechos" e aparcar sobre a beirarrúa "para que os peóns teñan para andar toda a carretera".
Problemas con algunhas obras "que se vas nun carriño parece que estás nas probas de Humor Amarillo", críticas ao alcalde ou aos cambios na Festa do Marisco estiveron presentes na súa actuación, xunto coa situación da sanidade, advertindo que "coa saúde non se xoga".
Janas de Leria, pola súa banda, optaron por vestirse como videntes e entrelazaron cancións sobre O Grove con outras "que pasan en todas partes" como os recortes en sanidade "se un can ten dor veterinarios temos tres con solución, para un meniño non, nin un pediatra en todo o pobo".
A morte da raíña de Inglaterra "que quince días de excursión aguantoulles moi ben e logo din que non é boa a conserva Isabel" ou un repaso á prensa do corazón con Tamara Falcó ou Miguel Bosé "que quedou como unha cabra por culpa do nariz" foron vítimas da súa retranca.
"Veu a Sanxenxo o campechano bribón. Este país non ten solución se tanta xente aínda se xunta para aplaudir a un ladrón", cantaron os do Grove, que non quixeron esquecerse de Santa Clara nin de ENCE: "por unha conxunción astral eses xuíces deron a sorpresa, nin eles saben explicar cal sería a razón para secuestrar Pontevedra outros 50 anos na ría con esa merda".
En cuarto lugar subiron ao escenario a pontevedreses Murga do Naveiro, convertidos en peregrinos desexosos de atopar aloxamento en pleno Xacobeo. Do Camiño e as súas tribulacións foron a metade das súas coplas, que tamén incluíron certa crítica á actualidade local.
Así, houbo canción para Lores, "o home que non cesa, botar a Ence non te pesa" e que "toca calquera tema e Rafa Domínguez se rebela"; ou para Tino Fernández e Iván Puentes, reconvertido en Shakira e Piqué, respectivamente. "Un do Teucro non está para trepas coma ti", destacaron.
O salto de Feijóo para Madrid ou a súa substitución, un Alfonso Rueda "que eres un refresco lixeiro sen burbullas dentro", a falta de médicos na sanidade "porque queren que lles pague a clínica privada" ou a inflación -"ao Gafos marcho xa para lavar a roupa"- protagonizaron as súas coplas.
Os gañadores do pasado ano, o Equipo Ja, pecharon esta primeira eliminatoria do concurso de murgas. Amenizando ao público coma se dunha orquestra se tratase, chancearon con festas populares, verbenas e botellóns "que deixades todo sucio e logo a culpa é das orquestras".
O modelo urbano -"mentres goberne o bloque aquí o único coche é o de San Fernando"-, as luces de nadal -"dixeron que estamos aforrando pero está a ponte do Burgo todo o ano parpadeando"- ou os balóns de Santa Clara -"imaxino a Luís Enrique dudando, vendo a Lores no convento xogando, case o leva para o Mundial"-, foron diana dos seus temas.
Tiveron tempo para o "picha brava" de Ortega Cano, a familia real "ou españois polo mundo adiante", os omnipresentes Shakira e Piqué -"antes tiñas unha loba agora tes unha galiña", ou os prezos -"poderá baixar o Celta ou o Pontevedriña, pero non nos van a vaixar nin o gasoil nin a gasolina"-.