Era algo que facían desde hai anos por decisión propia pero, a partir de agora, esta tradición oficialízase. Varias das agrupacións que participaron no recente concurso de murgas saíron á rúa para amenizar a sesión vermú do último día do Entroido de Pontevedra.
A música e as irónicas letras destas murgas puidéronse escoitar, este mediodía, en catro prazas de Pontevedra: Curros Enríquez, Méndez Núñez, Verdura e Leña.
Ata alí desprazáronse os seus compoñentes para animar esta xornada de sábado, na que tamén terá lugar a traca final do entroido pontevedrés, a queima do Loro Ravachol.
Nesta actividade participaron catro das murgas do concurso. Foron a murga PTV, Os do Val do Lérez, Equipo Ja e a Murga do Naveiro.