"As mulleres tiñan que frear o seu fervor porque podían ser tachadas de soltas ou casquivanas"

Pontevedra
09 de abril 2022

Reconducir e controlar ás mulleres que na II República adquiriran un camiño de liberdades individuais e sociais. Ese foi, segundo a investigadora María Victoria Martíns, o obxectivo do discurso do réxime franquista que se impuxo en España tras a Guerra Civil

A activista Nanina Santos
A activista Nanina Santos / Deputación de Pontevedra

Reconducir e controlar ás mulleres que na II República adquiriran un camiño de liberdades individuais e sociais. Ese foi, segundo a investigadora María Victoria Martíns, o obxectivo do discurso do réxime franquista que se impuxo en España tras a Guerra Civil.

Así o puxo de manifesto durante a súa intervención nas xornadas Individuas de dudosa moral, celebradas en Pontevedra co impulso do departamento de memoria histórica da Deputación.

Martíns fixo unha análise sobre a Sección Femenina e a negación da sexualidade das mulleres, concluíndo que os alardes sexuais "eran cousa das malas mulleres", mentres que as que eran cualificadas como "decentes" eran as que conseguían "frear o fervor sexual".

O organismo creado para formar á muller nos valores do franquismo, entre eles o respecto ao varón, a obediencia, a pasividade, a subordinación, a disciplina e a súa submisión total aos homes, transferíronos tamén á cuestión sexual. 

Así, a formación que se daba na Sección Feminina estaba  destinada principalmente ao matrimonio, sobre todo ás tarefas do fogar, deixando de lado o tema sexual, que non se trataba explicitamente porque era "tabú e pecaminoso"

As cuestións de tipo sexual, segundo esta experta, deixábanse en mans dos asesores relixiosos que sempre os trataban como "actos impuros" que non debían facer as mulleres e que se toleraban só dentro dos límites do matrimonio e coa función de procreación. 

No matrimonio, explicou a investigadora, "había que ter contención" ante o risco de ser tachadas, incluso polo seu propio marido, "de ser demasiado soltas ou casquivanas", polo que para elas "nada de pracer sexual nin nada de anticoncepción.

Pero, a pesares de obrigar ás mulleres a ser recatadas, asegurou na súa intervención, "a realidade era que si tiñan pensamentos sexuais", como así reflexa o traballo do médico Serrano Vicens, que fixo entrevistas a mulleres nos anos 30, 40 e 50, que se publicou nos 70,

Nel, abordáronse as relacións lésbicas (practicadas un 30%), os desexos que logo non se levan a efecto, as relacións extramatrimoniais ou o pracer sexual e masturbación. "As mulleres convivían cunha sensación de pecado pero o desexo estaba aí e a vida fluía", concluíu.

AS LESBIANAS, A MAIOR TRANSGRESIÓN CONTRA O RÉXIME

Dentro de este escenario, as mulleres que desexaban a outras mulleres viviron na máis absoluta invisibilización porque o lesbianismo "era tan transgresor que non interesaba poñelo na picota" por se había un efecto contaxio, segundo a activista Nanina Santos.

"Non había escarnios, non había cárceres. Había un control social informal", subliñou a cofundadora da Asociación Galega da Muller, que foi a encargada de abordar a represión sexual desde o enfoque das mulleres lesbianas.

Así, lembrou que na ditadura a Igrexa levaba o ensino, a socialización e impoñía uns roles sociais que aínda hoxe son aceptados, "defendendo que as mulleres non eran seres sexuais e polo tanto non se comprendía que moito menos houbese atracción ao mesmo sexo".

Explicou tamén que naquel entón a psiquiatría tivo un peso importante na catalogación das mulleres lesbianas como patolóxicas, "receitando electroshock e terapias similares". 

Para finalizar, a activista destacou o movemento que houbo nos anos 80 para a liberación e visibilización da realidade das mulleres lesbianas que fixo mellorar a súa vida, conseguir dereitos e ser aceptadas en sociedade.