"As mulleres tamén fan mundo e historia"

A Lama
05 de marzo 2019

O Concello da Lama destina os fondos do Pacto de Estado de Igualdade a talleres para visibilizar o papel das mulleres ao longo da historia da humanidade

Simone de Beauvoir, escritora, profesora e filosófa francesa
Simone de Beauvoir, escritora, profesora e filosófa francesa

O Concello da Lama destinará 1.135,04 euros dos fondos do Pacto de Estado de Igualdade, procedentes do Goberno de España, á realización de varios talleres co alumnado de quinto e sexto de educación infantil e primaria sobre a achega das mulleres á historia da humanidade.

Os dous primeiros talleres, coordinados polo Centro de Información á Muller da Lama (CIM), desenvolveranse durante a xornada do 8 de marzo, Día da Muller, baixo o título xenérico de "As mulleres tamén fan mundo e historia".

Teñen como obxectivo dar a coñecer as achegas das mulleres á historia da humanidade, visibilizar a presenza feminina en traballos considerados tradicionalmente masculinos, romper cos estereotipos de xénero ou fomentar a corresponsabilidade na familia, entre outros.

A intención dos organizadores é realizar ao longo do curso académico outros talleres a cargo destes fondos para profundar na finalidade do desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado de Igualdade e en materia de prevención e loita coa violencia de xénero, adaptando a metodoloxía empregada ao público destinatario.