A Concellaria de Patrimonio Histórico organiza este domingo, 21 de decembro, unha visita comentada ao cemiterio de San Amaro. Será a partir das 11.30 horas e a asistencia é libre e gratuíta, e non é necesaria a inscrición previa.
Trátase dun percorrido pola historia do cemiterio municipal, desde as súas orixes a finais do século XIX, até a actualidade. Nesta ocasión, ademais dos aspectos hístórico-artísticos, o fío condutor será a historia e a memoria das mulleres.
A visita permitirá coñecer aspectos como os antigos cemiterios urbanos (San Bartolomeu, Virxe do Camiño) e a construción do cemiterio de San Amaro, tipoloxías de enterramentos, a simboloxía relixiosa, pagán ou masónica, aspectos artísticos dos panteóns e mausoleos de interese ou o cemiterio civil.
AS MULLERES
No marco do programa municipal A memoria das mulleres, a actividade pretende poñer en valor a presenza e protagonismo das mulleres na historia da cidade, tanto polas achegas colectivas como desde o punto de vista indivisual. Neste sentido, o interese non se centra só en mulleres que destacaron en ámbitos científicos, culturais, artísticos ou educativos, senón que tamén se fará referencia ás mulleres de clase traballadora, ás
represaliadas, etc.
Algunhas das mulleres que protagonizan o percorrido son:
- Otilia Meis Pintos, de Mourente, represaliada en 1936.
- Dolores Trabado, taxista
- María Rodríguez Aboa, mestra de piano na Escola de Traballo
- Daría González García, profesora
- Amalia Álvarez Gallego, viúva de Alexandre Bóveda
- Familia Mendoza-Méndez Núñez: María e Concepción Mendoza, Soledad e Clara Méndez Núñez e Carmen Babiano Méndez Núñez
- Peregrina Juncal Verdulla, modista
- Dolores Montero Villegas
- Aurita Otero González
- Josefina Arruti Viaño, esposa de Bibiano Fernández Osorio Tafall
- Mulleres da Moureira (panteóns dos mareantes)
- María Victoria Moreno, escritora