As mulleres farmacéuticas serán homenaxeadas en Marín neste 8 de marzo

Marín
23 de xaneiro 2024

O Consello Municipal da Muller sentou as bases do contido da declaración institucional e da programación que se levará a cabo eses días para conmemorar unha data tan significativa

Consello Municipal da Muller
Consello Municipal da Muller / Concello de Marín

As mulleres farmacéuticas, un colectivo que no pasado estaba copado polos homes e que a día de hoxe está maioritariamente representado por mulleres, serán homenaxeadas en Marín o vindeiro 8 de marzo Día Internacional da Muller.

Nesta cuestión e noutras que se incluirán no manifesto institucional estiveron a traballar as integrantes do Consello Municipal da Muller, que se reuniron recentemente para establecer as liñas que se queren incluir na declaración que se lerá no acto que se celebrará no Salón de Pleno.

As claves sobre as que se sustentará esa declaración e as actividades que se organicen darán vsibilidade o valor das mulleres, reivindicarán o seu espazo igualitario na sociedade e a necesidade de rachar cos teitos de cristal cos que aínda hai que lidiar a nivel profesional.

Rematada a reunión do Consello, todas as súas integrantes mantiveron un minuto de silencio na escalinata de entrada do Concello para honrar ás mulleres asasinadas pola violencia machista e para evidenciar que esta segue a ser unha lacra social.