As mulleres coidadoras, protagonistas do acto institucional polo 8M en Marín

Marín
08 de marzo 2020

Catro mulleres de Marín que son ou foron coidadoras relataron a carga psicolóxica e o freo no desenvolvemento da vida propia que supón coidar a alguén

Acto institucional polo 8M en Marín
Acto institucional polo 8M en Marín / Concello de Marín

O Salón de Plenos do Concello de Marín acolleu este domingo o acto institucional do municipio con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

A choiva obrigou a celebrar o evento baixo teito, pero non restou un chisco de sensibilidade e reivindicación a unha xornada de homenaxe ás mulleres coidadoras.

Rosa Prado, representante da asociación Pousos da Area, foi a encargada de ler a declaración institucional de Marín, incidindo na necesidade de que os coidados se corresponsabilicen entre homes e mulleres para que o peso dos mesmo non recaia como ata o de agora na parte feminina da parella ou a familia.

A feminización dos coidados fíxose aínda máis real grazas ao testemuño de catro mulleres marinenses que son ou foron coidadoras, e que achegaron a súa experiencia para concienciar sobre a importancia deste labor.

Estas veciñas da vila foron Rosa e de Lourdes Broullón, Carmen Pérez Iglesias e Carmen Pazos Guimeráns. Todas elas relataron non só o freo no desenvolvemento da vida propia que supón ter a alguén ao teu cargo, senón tamén a cara psicolóxica que conleva.