As modificacións puntuais abertas sobre o PXOM de Marín contemplan novos usos turísticos e actualización de normativas

Marín
11 de maio 2024

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, explica que se está a tramitar esta modificación xunto coa relativa á parcela de Méndez Núñez. Existe tamén unha terceira modificación en curso que afecta ao SEI San Narciso, promovida a petición particular do propio centro educativo, e que está a seguir a súa tramitación

Imaxe aérea de Marín
Imaxe aérea de Marín / Concello de Marín

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) é o principal documento reitor do urbanismo local, regulando os usos do solo e todas as especificidades técnicas que se requiren á hora de poder levar adiante proxectos e iniciativas de tipo urbano.

Trátase dun documento vivo que require de modificacións para ir adaptando o marco regulatorio ás novas necesidades, tal e como se fai de xeito habitual en calquera concello do territorio.

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, explica que neste momento estanse a tramitar dúas modificacións puntuais promovidas polo Concello e que son de "gran interese".

Unha delas ten que ver coa mellora do Plan Básico de Usos Municipais, con dous obxectivos: "por un lado, esta mellora permitirá que actualicemos no PXOM as normativas estatais e autonómicas que foron cambiando nos últimos anos e, por outro, poderemos regular mellor cuestións relacionadas con novas modalidades de turismo sostible".

Tal e como expuxo Santos, Marín está sendo un municipio "moi atractivo" para iniciativas turísticas respectuosas co medio ambiente "que atoparon na nosa vila o que xa sabemos que temos: un entorno inigualable, un terreo cheo de posibilidades e unhas conexións boísimas, o que nos convirte nun punto estratéxico para a expansión turística que están experimentando as Rías Baixas".

"Por iso", continúa o concelleiro, "temos que revisar ben a normativa que temos obsoleta e non perder oportunidades moi interesantes para que a pulsión turística de Marín siga medrando, tal e como xa o está a facer nos últimos anos, moi centrada nun turismo activo e rural que require modelos de aloxamento diferentes, con encanto e enmarcados nun estilo de viaxeiro que busca máis alá da pernocta habitual".

REMODELACIÓN DE MÉNDEZ NÚÑEZ

Outra das modificacións puntuais que está en marcha é a que afecta a zona de actuación anexa a Méndez Núñez, unha zona da que pendía un proceso xudicial, que se resolveu coa sentenza do TSXG, que mantivo a clasificación desta área como chan urbano non consolidado, tal e como xa comunicou o Concello desde o ano 2022 publicamente.

Desta forma, plantéxase que toda esa mazá pase a contar con varias seccións: Unha área dotacional privada, correspondente co espazo que ocupa o CPR La Inmaculada, por outra banda un equipamento público que poderá ocupar algo máis de 670 metros cadrados. E tamén contempla unha zona residencial, na que se poderá construir un edificio de 59 vivendas, cunha extensa zona verde no seu arredor. E por último, a  apertura do vial que conectará a Rúa Estrada con Fondo do Saco, que suporá a creación de 27 novas prazas de estacionamento.

Santos explica que "nos gustaría que esta modificación fose máis rápida na súa tramitación, pero levamos case dous anos pendentes da autorización de Costas e de que se resolva unha alegación pendente". Unha vez estas dúas cuestións estean desencalladas, poderá aprobarse provisionalmente, para despois pasar polas mans da Xunta de Galicia e finalizar o proceso coa aprobación definitiva.

SEI SAN NARCISO

Santos aclara, por outro lado, que existe unha modificación promovida por unha entidade particular, neste caso o SEI San Narciso, que xa foi aprobada inicialmente no Pleno da Corporación e que agora está pendente da revisión técnica por parte da Xunta de Galicia.

O obxectivo desta modificación é unha mellora das instalacións deportivas do centro educativo, a través dun cambio de usos do chan. Precisamente, por ser coincidente coa modificación impulsada polo Concello sobre o cambio de usos, os servizos técnicos están a valorar a posibilidade de tramitar conxuntamente ambas.

Santos recorda que "calquera entidade particular, tal e como podería facer calquera persoa ou empresa, pode promover modificacións no planeamento. É algo común no día a día da xestión urbanística e que nós, como Concello, temos que darlle tramitación".