As mellores decoracións da Festa Corsaria terán premio

Marín
06 de agosto 2024

O Concello de Marín anima á veciñanza a participar no VIII Concurso de Decoración e Ambientación. O municipio segue cos preparativos para o gran desembarco corsario do 17 de agosto, a piques de desvelar toda a programación

Festa Corsaria
Festa Corsaria / Diego Torrado

Consciente da importancia que ten na Festa Corsaria a decoración e a ambientación, o Concello de Marín quere animar un ano máis á veciñanza e a todas aquelas personas que visitan vila, así como aos locais de hostalaría a que participen no concurso e poidan optar aos premios que se ofrecen.

O obxectivo é premiar os establecementos hostaleiros e mesas de particulares que polo seu enxeño e ambientación corsaria merezan a consideración do xurado. 

No caso das mesas particulares, para participar será obrigatorio presentar solicitude de inscrición, marcando a caixa correspondente no anexo de inscrición da mesa. No caso dos locais de hostalaría, non será preciso inscrición previa, senón que os propios membros do xurado visitarán cada un dos locais da contorna urbana na que se desenvolve a festa.

Tanto a temática como o deseño da decoración será acorde coa época corsaria. 

No caso dos particulares valorarase a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, así como a vestimenta dos comensais. Nos locais de hostalería valorarase a ambientación e decoración exterior, zona de terraza e vestimenta.

Entregarase un premio de 200 euros ao mellor local de hostalería corsario e un accésit de 100 euros. Igualmente, a mellor mesa corsaria levarase 200 euros e haberá un accésit de 100 euros.

O xurado do concurso estará composto por representantes de asociacións e colectivos relacionados coa vida marinense. A súa decisión e a entrega de premios farase o sábado 17 de agosto de 2024 ás 21.00 horas na propia Festa Corsaria.