O Boletín Oficial do Estado (BOE) deste mércores 20 publica a orde ministerial que regula o uso obrigatorio de máscaras a partir deste xoves nos espazos pechados e na rúa cando non se poida garantir a distancia de dous metros interpersoal.
A orde estará vixente ata o final do estado de alarma. O Goberno vai pedir unha nova prórroga ata o 7 de xuño.
Segundo recolle o BOE, terán que utilizar as máscaras "preferentemente hixiénicas e cirúrxicas" todas as persoas maiores de seis anos, coa excepción daquelas que teñan dificultades respiratorias que poidan verse agravadas por este uso ou en actividades que sexan "incompatibles" tales como a inxesta de alimentos e bebidas.
No caso da poboación infantil de entre tres e cinco anos, a máscara é "recomendable", pero non obrigatoria.
O seu uso tamén será obrigatorio "en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de polo menos dous metros".
Non aparece ningunha mención ao deporte, pero o ministro de Sanidade, Salvador Illa, sinalou o martes que, por definición, a "distancia óptima" para practicar deporte ao aire libre ou en espazos pechados durante a desescalada xa son dous metros, polo que se se cumpre non fai falta.
Desde finais de abril, o prezo das cirúrxicas desbotables, as máis básicas que se poden atopar na farmacia, está fixado desde abril polo Goberno en 0,96 euros a unidade.