A iniciativa 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna', impulsada pola Concellería de Educación en colaboración co equipo creativo de Polo Correo do Vento (Quique Mauricio e Carlos Taboada), vén de inaugurar un novo mural no CEIP A Carballeira de Lourizán.
Inspirada na contorna na que se atopa este colexio, cun recinto que conta cunha pedra que atesoura gravados rupestres e desde a que se poden albiscar a ría de Pontevedra e a Illa de Tambo, a intervención artística recolle a mesma vista que pintara no seu día Ovidio Murguía e cantara Filomena Dato desde o Pazo de Lourizán (que tamén forma parte deste mural).
Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, "as mariscadoras tamén son protagonistas desta obra, ao igual que a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, todo baixo a atenta ollada dun corvo mariño".
"Como colofón da mesma -explica o edil socialista- hai tamén unha lembranza para o trolebús que unía Pontevedra e Marín".
O programa 'O teu cole na historia', que ten o obxectivo de que os alumnos coñezan un pouco mellor os seus colexios e o contorno no que se atopan e acaden unha maior identificación con eles, xa se traduciu ata a data na realización de murais nos CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve e A Carballeira; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido.
A iniciativa da Concellería de Educación tamén ten previstas intervencións nos CEIP Marcón e Vilaverde (Mourente), así como a posta en marcha duns obradoiros en torno á historia destes murais para o alumnado dos centros educativos.