As Mareas da ría da Pontevedra mantiveron este mércores unha xuntanza con representantes da Plataforma polo Saneamento da Ría, un colectivo que agrupa as confrarías de Lourizán, San Telmo e Raxó e o sector do mexillón dos polígonos de Portonovo. Foi no peirao de Combarro e nela analizaron a situación na que se encontra o sistema de depuración das augas.
Os portavoces da plataforma lamentaron que as diversas administracións "boten balóns fóra e esquiven a responsabilidade", cando existe un problema de "enorme magnitude ambiental" que ten unha gran repercusión económica e laboral ao ser o sector do mar unha das principais fonte de riqueza dos concellos da ría.
Para os traballadores do mar existe un problema de fecais "grave" que se traduce nunha morte "lenta pero continuada" da ría de Pontevedra e o cada vez maior número de zonas C e de peches temporais dos bancos extractivos.
Para as Mareas a solución non pasa, como anunciou a Xunta, por ampliar a EDAR de Lourizán, unha instalación que, segundo recordaron, leva máis de vinte anos funcionando, non respecta a distancia de 200 metros das casas e está "claramente saturada"; senón por un modelo alternativo baseado na instalación de microdepuradoras de escala sustentable e espalladas territorialmente polos emprazamentos máis axeitados.
Así, ambas partes coincidiron en que a solución para a actual situación pasa pola separación ata o final das augas pluviais e fecais, a instalacións destas pequenas depuradoras, o alongamento e profundización do emisario submarino que o distancie das zonas produtivas e a creación dun organismo independente que verifique onde se producen os contaminantes, sexan domésticos ou industriais.