A tradicional iluminación de Nadal xa loce nas principais áreas urbanas de Sanxenxo. O alumeado ornamental acendeuse este martes día 5 nun acto que congregou o interese de moitos veciños.
Diferentes colectivos e asociacións municipais encargáronse de repartir chocolate aos asistentes e de amenizar coa súa música un evento que foi toda unha festa.
O primeiro punto en iluminarse foi a Praza dos Barcos, en Sanxenxo, onde a asociación Abiñadoira, Soalleira e a ANPA da Florida atenderon aos que acudiron a ver as luces de Nadal.
Os seguintes lugares en iluminarse foron o parque do Espiñeiro, en Portonovo, coa colaboración de Os Gatiños, Lembranzas e o ANPA do CEIP Portonovo; e a praza pública de Vilalonga, coa colaboración de Os Cruceiros, as mulleres rurais A Candelaria e a ANPA O Cruceiro.
En total, Sanxenxo instalou 253.925 puntos de luz. A iluminación manterase ata o 7 de xaneiro e permanecerá acendida cada día entre as 18.00 e as 02.00 horas.
Os principais atractivos é unha bóla luminosa de catro metros a cuxo interior se pode acceder, na Praza dos Barcos; ou as dúas árbores tipo cono de 10 e 6 metros respectivamente que están colocados en Portonovo e Vilalonga.
Ademais, tamén se decoraron as principais rotondas, as entradas ao municipio, a fachada principal do Concello, as árbores da praza Pascual Veiga, o paseo de Silgar, o centro de Vilalonga ou a rúa Rafael Picó.
Este encendido dá inicio á programación do Nadal de Sanxenxo que, en toda a súa extensión, será presentada nos próximos días.