Coas últimas luces do día quedaba este luns apagado un incendio forestal no lugar de Tilve, na parroquia de Cerponzóns.
Nun principio temeuse pola seguridade dun grupo de casas, ameazadas pola proximidade das chamas, pero o vento afastou o lume cara ao monte.
Curiosamente este non foi o único golpe de sorte que se viviu neste suceso. Neste mesmo lugar rexistrouse outro incendio o pasado 16 de agosto, e a superficie xa queimada actuou como un cortafogo axudando ás brigadas da Xunta e os efectivos do parque de Bombeiros de Pontevedra, na súa loita para controlar o lume.
Segundo informou o concelleiro responsable do rural, Demetrio Gómez, "ainda que o lume quedou controlado, durante a noite quedará no lugar un retén de garda para evitar que algún refacho de vento prenda de novo as lapas".
O vento fixo que o cheiro do incendio fora moi perceptible na cidade de Pontevedra onde nalgúns barrios caeu cinza procedente do monte.