As irmáns Mendoza 'reviven' como anfitrioas da oficina "máis sorprendente, dixital e inclusiva" de Rías Baixas

Pontevedra
23 de decembro 2022

Un cambio "absolutamente radical". Así definiu Carmela Silva o "innovador e ambicioso" lavado de cara que Turismo Rías Baixas fixo na súa oficina principal, situada no Palacete das Mendoza. "Vai a sorprender moito", destacou a presidenta da Deputación

Nova oficina de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza
Nova oficina de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza / Deputación de Pontevedra

Un cambio "absolutamente radical". Así definiu Carmela Silva o "innovador e ambicioso" lavado de cara que Turismo Rías Baixas fixo na súa oficina principal, situada no Palacete das Mendoza. "Vai a sorprender moito", destacou a presidenta da Deputación.

Tras unha visita ás súas renovadas instalacións, que reabriron as súas portas este venres tras meses de obras de accesibilidade e transformación dixital, Silva defendeu que este palacete converterase nun novo recurso turístico para toda a provincia.

"Deixa de ser un espazo onde a xente vén buscar información turística para ser unha vivencia, unha experiencia na que a xente se vai mergullar na nosa historia e o noso patrimonio", explicou a presidenta provincial, que se mostrou "marabillada" con esta experiencia.

Para guiar todo o percorrido, Turismo Rías Baixas recorre ás que foron as súas últimas moradoras e propietarias, as irmás Mendoza, representantes da alta burguesía da sociedade da cidade de Pontevedra a finais do século XIX e principios do XX.

A través desta nova experiencia dixital, as irmás Mendoza "reviven" e os visitantes poderanas ver "tal como eran, cos seus traxes e interactuando coa xente", segundo Carmela Silva, mediante o uso de tecnoloxías punteiras como a realidade virtual ou os hologramas.

A oficina central de Turismo Rías Baixas, que con esta actuación converterase na "máis dixital, sorprendente e inclusiva" de toda a rede, ofrecendo unha experiencia dividida en catro zonas: un xardín, unha sala inmersiva, un espazo de realidade virtual e unha área holográfica.

"Será un espazo marabilloso, acolledor, precioso e cheo de tecnoloxías, de experiencias e de emocións", subliñou Silva, con contidos históricos avalados por expertos e con toda a información en cinco idiomas: galego, castelán, portugués, inglés e francés.

O xardín, no á dereita, é un espazo que recrea como eran os xardíns do palacete durante a vida das irmás Mendoza, con mobiliario, elementos de información (pantallas e soportes de pantalla táctil) e un sistema de aromaterapia "para vivir sensacións".

A sala inmersiva 270 graos, situada ao fondo, é unha área de proxeccións totalmente tematizada na época na que viviron as dúas irmás e dispón dun gran equipamento tecnolóxico con máis de 33 metros cadrados de pantallas.

Xa no á esquerda do palacete está o espazo de realidade virtual 360 graos no que as persoas visitantes, mediante lentes de realidade virtual controladas por joysticks, poderanse zambullir en sete salgas que recrean os propios salóns das irmás Mendoza.

O cuarto espazo, situado entre a sala de realidade virtual e o novo mostrador, é unha área no que un equipo de holografía mostra unha gravación que recrea ás irmás como donas do palacete en distintos contextos da súa vida.

A renovación desta oficina incluíu ademais un mostrador de atención ao público en toda a súa zona central, que contará cunha impresora braille para imprimir folletos e un bucle magnético, ofrecendo unha "atención igualitaria" a persoas con diversidade funcional.

A isto súmase un novo acceso para persoas con dificultades de mobilidade, habilitando un ascensor exterior, á beira das escaleiras principais, que leva directamente á zona central do recinto, entre a entrada principal e o xardín que actúa como sala de espera. 

O proxecto complétase con mesas interactivas coas que crear roteiros turísticos, pantallas táctiles ou un videowall que actuará como "escaparate" da provincia, proxectando vídeos turísticos promocionais que contarán con intérprete de signos.

Toda esta renovación, na que se investiu uns 350.000 euros, foi posible grazas ao programa Tourist Inside de Red.es, que permitiu transformar as 33 oficinas de Turismo Rías Baixas e dar un "salto de calidade", segundo a presidenta, na promoción da provincia.