As intensas precipitacións nocturnas provocan o desbordamento do río Gafos

Pontevedra
16 de decembro 2020

No tramo entre a estación de autobuses e Campolongo a forza das augas provocou que se asolagaran as beiras do río. Por outra banda, a asociación Vaipolorío reclama á Dirección Xeral de Ferrocarrís a limpeza e mantemento no sendeiro do Gafos e poñen como exemplo unhas escaleiras de madeira cheas de vexetación

O Gafos desbórdase en Pontevedra
O Gafos desbórdase en Pontevedra / Francisco Abilleira

As intensas choivas rexistradas durante a madrugada deste mércores 16 de decembro provocaron que as augas do río Gafos desbordasen do seu leito e provocase inundacións nos terreos que bordean o seu paso no tramo entre a estación de autobuses e o barrio de Campolongo, ocupando nalgúns tramos o carril para viandantes

Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía durante a 01.00 e as 05.00 horas rexistráronse precipitacións intensas que chegaron aos 15,6 mm/hora sobre as 04.00 horas na estación meteorolóxica de Pontevedra.

A medida que as choivas foron remitindo co avance da xornada, as augas volveron ao seu leito sen que se rexistrasen incidentes graves. Agárdase que as choivas desaparezan ao longo desta xornada e tamén durante o xoves 17, aínda que os ceos permanecerán nubrados e pode rexistrarse algunha precipitación de carácter débil, segundo o servizo de MeteoGalicia.

QUEIXA DE VAIPOLORÍO

Pola súa banda, a asociación ecoloxista Vaipolorío puxo en coñecemento da Dirección Xeral de Ferrocarrís o mal estado que presenta a escaleira que dá acceso ao carreiro do río Cocho, tamén coñecido como Toxal, Tomeza ou Gafos. 

Trátase dunha escaleira de madeira que pertence a esta entidade e o colectivo que se encarga da limpeza do Gafos de maneira  altruísta demanda a limpeza e o mantemento desta estrutura. Alertan de que a presenza de verdello e vexetación que se produce nesa contorna provoca esvaróns e caídas das persoas que pasean por esta zona do carreiro do río.