As instalacións deportivas e culturais de Cuntis abren con cita previa a partir do luns

Umia
06 de xuño 2020

O Concello explica que esta solicitude é necesaria para poder planificar e realizar as correspondentes tarefas de desinfección para que as instalacións poidan ser utilizadas novamente por calquera outra asociación, club deportivo ou particular que o demande. As solicitudes deberán tramitarse cunha antelación mínima de tres días

Pista de atletismo de As Canteiras (Cuntis)
Pista de atletismo de As Canteiras (Cuntis)

A partir do vindeiro luns 8 de xuño, coincidindo coa entrada de Galicia na fase 3 do proceso de desescalada, Cuntis abrirá ao uso social as instalacións deportivas e culturais municipais, pero, iso si, o seu uso será previa solicitude por escrito. 

O Concello explica que esta solicitude é necesaria para poder planificar e realizar as correspondentes tarefas de desinfección para que as instalacións poidan ser utilizadas novamente por calquera outra asociación, club deportivo ou particular que o demande. 

As solicitudes deberán tramitarse cunha antelación mínima de tres días cubrindo un modelo de instancia que se proporcionará directamente na OMIX (teléfono de contacto: 986533600) ou no rexistro do Concello (teléfono de contacto: 986548005). Tamén pode descargarse da páxina web municipal a través desta ligazón: https://concellodecuntis.org/gl-es/documentos/0/participacion-ciudadana

Ante este novo escenario, o alcalde, Manuel Campos, aproveitou para facer un novo chamamento á responsabilidade social de cara a entrada na fase 3 da desescalada. 

"Somos conscientes das ganas que hai de volver á normalidade, ao deporte e á cultura, pero o regreso debe ser meticuloso e respectuoso coas normas de prevención establecidas para non dar pasos atrás, que é o que ninguén desexa", pediu Manuel Campos.

O campo de fútbol, o pavillón municipal e as pistas de atletismo abrirán para uso colectivo por clubs federados locais e asinantes de convenio municipal, cumprindo as medidas establecidas polas autoridades sanitarias. Por norma xeral, respectaranse os horarios e instalacións solicitadas con anterioridade á pandemia

No relativo ás instalacións municipais culturais ou de calquera outro tipo, tamén se respectarán  os horarios e locais solicitados con anterioridade á pandemia e no caso de que algún quede libre temporalmente por non poder, por exemplo, continuar cos ensaios, as novas adxudicacións serán polo tempo que a anterior asociación non poida utilizalo

En todos os casos, a persoa que asine a solicitude, en nome propio ou dun colectivo, será responsable dos danos que se poidan ocasionar na instalación durante o seu uso, do cumprimento estrito do horario asignado, así como de que todas as persoas que estean a utilizar ese espazo cumpran coas medidas hixiénico-sanitarias de prevención relativas á COVID-19 (límite de aforo, uso de máscaras, distancia mínima entre persoas, prohibición do acceso á instalación a persoas acompañantes e/ou público).