As inmobiliarias xa poden retomar as visitas con clientes a vivendas

Pontevedra
18 de maio 2020

Tras os últimos cambios nas normas da desescalada, os axentes inmobiliarios poden retomar as visitas con clientes a inmobles para o seu aluguer ou venda. Iso si, estas visitas terán que estar relacionadas con actividades ou negocios inmobiliarios e realizarse baixo unhas estritas condicións de seguridade

Escaparate dunha inmobiliaria
Escaparate dunha inmobiliaria / Cristina Saiz

Tras os últimos cambios nas normas da desescalada, os axentes inmobiliarios poden retomar as visitas con clientes a inmobles para o seu aluguer ou venda. Así o asegura o consello xeral dos colexios oficiais de axentes da propiedade inmobiliaria de España, tras consultar co Ministerio de Transportes. Movilidad e Axenda Urbana.

Iso si, estas visitas terán que estar relacionadas con actividades ou negocios inmobiliarios e realizarse baixo unhas estritas condicións de seguridade.

Así, o local ou vivenda que se vaia a visitar debe estar deshabitada ou a visita ten que realizarse cando estea baleira dos seus ocupantes e o tempo de permanencia será o mínimo imprescindible. Se os propietarios viven alí, por tanto, deberán saír e esperar fóra.

Ademais, deberán tomarse as adecuadas medidas de seguridade para a prevención do contaxio, de protección individual e de distanciamento, tanto entre cliente e axente comercial, como cos demais ocupantes das vivendas á entrada ou saída dos mesmos.

A maiores, o consello xeral dos axentes inmobiliarios recomenda que estas visitas se limiten ao estritamente necesario e suxire que se fixen as horas de visita naqueles momentos do día nos que os seus ocupantes non están nelas, facéndoas coincidir por exemplo coas franxas horarias de paseo. 

Se o cliente non se atopa ben ou mostra síntomas sospeitosos de coronavirus non debe realizarse a visita ou, de manifestarse durante a mesma, suspendela inmediatamente; e cumprir con todas as recomendacións das autoridades sanitarias.

Ademais, piden que se eviten tocar superficies ou o mobiliario da vivenda, limitar ao máximo o número de persoas que visiten a vivenda, non utilizar zonas comunitarias nin ascensores e, sobre todo non organizar xornadas de portas abertas para a visita do inmoble.