As incómodas cadeiras e o palio da Presidencia

Pontevedra
25 de novembro 2023

O Pleno da Deputación de Pontevedra celebrado este venres aprobou o novo contrato marco de renovación de firmes das estradas provinciais, entre outros moitos asuntos  

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O Pleno da Deputación de Pontevedra celebrado este venres aprobou o novo contrato marco de renovación de firmes das estradas provinciais. Un acordo anual, con posibilidad de 3 prórrogas, dividido en 6 lotes, que conta con un orzamento de 4,4 millóns de euros.

Neste punto, o portavoz provincial do BNG César Mosquera agradeceu publicamente o traballo realizado polo recentemente cesado (con efectos de finais de mes) do director de Mobilidade Daniel Romay e destacou non comprender o motivo de que dende o PP "o chimpasen sen ningún motivo" cando baixo o seu traballo os 1.700 quilómetros de vías provinciais "melloraron radicalmente".

O Grupo Popular da Deputación tamén obtivo o respaldo da oposición na súa iniciativa para reclamar ao Estado que aboe de maneira inmediata as axudas do IDEA e do EDUSI.

A voceira provincial, María Ramallo, lamentou que se lle deban contías millonarias aos concellos da provincia dende fai meses, o que está prexudicando gravemente ás economías das entidades locais.

Ramallo indicou que para cumprir cos anticipos e cos pagos ás empresas executoras dos traballos, algúns víronse obrigados a pedir créditos para cumprir coas súas obrigas e teñen que asumir un sobrecuste polo abono dos correspondentes xuros.

Tamén foi aprobada a prórroga da anualidade do ano 2022 do Plan Concellos. O voceiro do PP, Jorge Cubela, sinalou que isto vai a incrementar o prazo para solicitar as baixas ou tamén os cambios de finalidade prorrogando os prazos de execución das obras ata o 30 de setembro do ano 2024 e o prazo de xustificación vai ser ata o 31 de outubre de 2024. O motivo desta prórroga é que, por diversas razóns administrativas e técnicas, hai 228 investimentos nos concellos pendentes de xustificar. 

A moción do PSdeG-PSOE para que a Deputación aprobase un plan extraordinario de axudas dotado con 4 millóns de euros para apoiar aos concellos da provincia afectados polos temporais do pasado mes de outubro foi rexeitada polo Goberno provincial do PP. 

Sen embargo, si saíu adiante a moción defendida pola socialista Ana Laura Iglesias para que a Deputación se ofreza a acoller a 35 inmigrantes africanos na residencia do Centro Príncipe Felipe, aínda que coa abstención do PP.

Nesta mesma sesión plenaria o portavoz provincial do BNG César Mosquera acusou ao vicepresidente Rafael Domínguez de "facer demagoxia e incendiar" os conflitos de persoal no Concello de Pontevedra a pesar de que o PP aplica as mesmas políticas do goberno local na Deputación. 

O nacionalista puxo de manifesto a "dobre cara" do concelleiro e vicepresidente ‘popular’ no momento no que no Pleno de hoxe se debatía a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da institución provincial. Entón, o deputado de Persoal Vázquez Almuíña explicou que a RPT da Deputación se pode facer de novo ou modificar, "como se está facendo nesta Deputación e se quere seguir facendo" co fin de adaptarse "á flexibilidade que necesitan todos os servizos que dá esta Deputación".

Subliñou que "nós –en relación ao goberno provincial- consideramos que é moito máis áxil tanto para o que necesita a Deputación como para o que necesitan os traballadores facer modificacións de forma áxil en cada momento. Cremos que adaptar a RPT e ser flexibles ano a ano é moito máis positivo", salientou.

Mosquera manifestou estar de acordo co argumentado por Almuíña e agradeceu "profundamente" as súas palabras, entendendo que o vicepresidente queda novamente desautorizado. Por certo que entre o público atopábanse un grupo de bombeiros do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios que seguiron con atención o debate deste asunto.

Como anécdota ao remate da sesión plenaria César Mosquera fixo un rogo ao novo goberno da Deputación: o cambio das bancadas dos deputados por ser un "atentado contra as costas" e tamén a retirada do palio que está sobre a Presidencia. Lembrou que se trata dun rogo que leva facendo dende hai máis de 20 anos. "Hai que ser perseverante. A ver se desta vez hai sorte", destacou en referencia á incomodidade das cadeiras que ás veces se producen intervencións fóra de ton e exasperadas nos debates plenarios. "Vaime ter que explicar a ver porque non se fixo, por exemplo nos últimos oito anos nos que vostede tiña responsabilidaes e podía decidir", respostoulle o presidenrte Luis López.