As hortas rurais múdanse por un día á Peregrina para protestar polo trazado da A-57

Pontevedra
19 de xuño 2014

Veciños das parroquias afectadas polo trazado que terá a futura A-57 quixeron mostrar á cidadanía pontevedresa como son as hortas de cultivo que se poden atopar por todo o rural. Todas elas se verán afectadas, segundo Salvemos a Fracha, polo "impacto severo" que este novo vial terá nos municipios de Pontevedra e Vilaboa

Hortas instaladas por Salvemos a Fracha na Peregrina contra o trazado da A-57
Hortas instaladas por Salvemos a Fracha na Peregrina contra o trazado da A-57 / Mónica Patxot

A Praza da Peregrina converteuse este xoves nunha horta improvisada. Veciños das parroquias afectadas polo trazado que terá a futura A-57 quixeron mostrar á cidadanía pontevedresa como son as hortas de cultivo que se poden atopar por todo o rural. Todas elas se verán afectadas, segundo Salvemos a Fracha, polo "impacto severo" que este novo vial terá nos municipios de Pontevedra e Vilaboa.

Estes veciños, que habilitaron as súas hortas no medio da praza, explicaron como vai influír nelas a autovía e, en especial, a afectación da A-57 na hidroloxía da zona. O trazado, denuncian, leva por diante acuíferos e minas dos que depende o abastecemento de auga de varios lugares das parroquias afectadas, tanto os de consumo humano como os empregados nos regadíos e tamén se verán afectados regatos e dous afluentes do río Gafos. 

Aínda que o Ministerio de Fomento repoña as traídas de abastecemento de auga das vivendas, os afectados aseguran que non haberá posibilidade de repoñer os mananciais nin as minas das que depende a supervivencia dos ecosistemas da zona, de especies de fauna e flora e das hortas e fincas de cultivo. Ante esta nova situación, será imposible que continúen as actividades de pequena agricultura e gandaría, así como da agricultura de subsistencia "que está a proliferar no rural de Pontevedra dende o inicio da crise económica". 

A A-57, insisten desde Salvemos a Fracha, suporá asfaltar o rural de Pontevedra e Vilaboa e "mentres nos últimos tempos proliferan iniciativas públicas e particulares para instalar hortas urbanas, as parroquias perderán as súas hortas tradicionais". 

Salvemos a Fracha ve nesta actuación un atentado contra o rural e o monte de Pontevedra e unha agresión ao modo de vida tradicional, xa que sinalan que o trazado resulta agresivo para os propios núcleos de poboación polos que pasa, xa que suporá construír noiros de ata 60 metros de alto (que equivale a un edificio de 17 pisos) ao lado das súas vivendas, dividindo en dous e illando parte dos veciños.

A plataforma aproveitou para recoller sinaturas contra o proxecto da A-57 e entregar folletos explicativos do por que do seu rexeitamento a esta autovía.

Arquivado en