As guías tiran de enxeño para que os turistas poidan contemplar a fachada de Santa María

Pontevedra
20 de novembro 2024
Actualizado: 17:30

Con gran creatividade, tentan compensar a falta de visibilidade da basílica polas obras apoiándose na fotografía de gran formato que está pendurada no enreixado que protexe a zona

A guía turística sinala onde se sitúa o "santo con lentes" na fachada da Basílica de Santa María a Maior
A guía turística sinala onde se sitúa o "santo con lentes" na fachada da Basílica de Santa María a Maior / Mónica Patxot

A basílica de Santa María a Maior de Pontevedra é un punto de parada obrigado para os turistas e peregrinos que se achegan a Pontevedra.

Porén, nas últimas semanas moitos deles quedan decepcionados ao atoparse a fachada principal do santuario oculta tras unha gran lona, que impide apreciar a súa beleza.

As guías turísticas, con gran creatividade, intentan compensar esta falta de visibilidade apoiándose na fotografía da fachada de gran formato que está pendurada do enreixado da escalinata que dá acceso ao templo mentres duren as obras.

A figura que máis atrae a curiosidade dos visitantes é a imaxe de San Xerónimo de Estridón, popularmente coñecido como "o santo con lentes". E precisamente sinalando a esta escultura é como a fotógrafa de PontevedraViva captou á guía turística.

Obras de restauración da fachada principal da Basílica de Santa Maria a Maior
Obras de restauración da fachada principal da Basílica de Santa Maria a MaiorMónica Patxot

DESENVOLVEMENTO DOS TRABALLOS

Hai un mes comezaban os traballos dentro do proxecto "Obras de restauración da fachada principal e cubertas da cabeceira da Basílica de Santa Maria a Maior de Pontevedra".

Promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, esta intervención conta cun orzamento de 496.544,53 euros e está sendo executada pola empresa pontevedresa "REHABITA, gestión integral de rehabilitaciones y restauración".

Obras de restauración da fachada principal da Basílica de Santa Maria a Maior
Obras de restauración da fachada principal da Basílica de Santa Maria a MaiorMónica Patxot

As obras están dirixidas a renovar a cuberta da ábsida e da vertente anexa á nave sur con placas de fibrocemento e tella cerámica. Ademais, substituiranse os sistemas de evacuación da choiva.

Tamén se substituirá a estrutura de soporte de dita cuberta e se realizará unha reforma da fachada que inclúe a limpeza da pedra e o tratamento da mesma para evitar a aparición de vexetación que a acabe damnificando.

Obras de restauración da fachada principal da Basílica de Santa Maria a Maior
Obras de restauración da fachada principal da Basílica de Santa Maria a MaiorMónica Patxot

Por último, á fachada occidental de Cornelius de Holanda dotarase de sistema de protección que minimice a presenza de aves que poidan afectar á súa conservación.

Segundo concretou o conselleiro de Cultura, José López Campos, nunha recente visita ao lugar, prevese que estas actuacións en Santa María se dean por finalizadas no primeiro trimestre de 2025.