O Concello, a Deputación e a Subdelegación do Goberno en Pontevedra amosaron este mércores unha postura conxunta e sen fisuras para condenar a invasión rusa en Ucraína e amosar o seu apoio e solidariedade ao pobo ucraíno. Representantes políticos das tres institucións, así como persoal e integrantes dos partidos do goberno e a oposición gardaron cinco minutos de silencio ás portas da sede municipal de Michelena 30.
O rexeitamento á invasión de Ucraína por parte de Rusia foi unánime e tamén xuntou diante da sede municipal a cidadáns anónimos que mesmo levaron carteis en ruso con mensaxes como "Non á Guerra". O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, resumiu o sentir de todos os presentes ao sinalar que "as guerras non resolven absolutamente nada máis que deixar mortos e xente moi afectada".
Esta concentración silenciosa de cinco minutos, convocada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en toda España contou tamén coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o tenente de alcalde, Tino Fernández; o portavoz local do PP, Rafa Domínguez; e concelleiros e deputados de PSOE, PP e BNG.
Carmela Silva puxo en contexto esta guerra nun momento no que o mundo aínda está a vivir os efectos da pandemia da covid-19 e sinalou que "cando parecía que comezabamos a saír do túnel, unha guerra no centro de Europa que está afectando moi gravemente a sociedade civil e con graves consecuencias económicas, políticas, estratéxicas e sociais en toda Europa e en todo o mundo fai que de novo a sociedade teña que facer fronte a cuestión que críamos que non eran posibles na nosa vida".
Ademais de amosar a solidariedade dos pontevedreses co pobo ucraíno, os representantes políticos tamén insistiron na necesidade de "ordenar" e "coordinar" esta "avalancha de solidariedade" que se está a dar en Pontevedra, como no resto de España. Maica Larriba lembrou que hai "unha avalancha enorme" e moitas plataformas que se están constituíndo "e que hai que ordenar".
"Creo que ese é o traballo pendente", sinalou Larriba, que engade que é necesario traballar con "moita cautela e prudencia" porque "o desexo de axudar e de sacar dese inferno esas persoas ten que ter unha orde e niso van traballar todas as institucións". Reiterou tamén a implicación do Goberno central para "intentar solventar e minimizar en todo o que sexa posible a enorme traxedia que está a soportar o pobo de Ucraína".
Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva expresáronse en termos similares. O alcalde lembrou que se non se fai un traballo ordenado para canalizar esa solidariedade, "estamos desperdiciando esforzos" e "aínda que se recollan cousas, se non hai unas vías para que cheguen aos beneficiarios, estamos facendo un traballo incorrecto".
Lores tamén insistiu na condena "absolutamente clara" á invasión de Ucraína e, sinalou a necesidade de "reactivar e dedicar esforzos á vía diplomática". Así, pediu o "máximo esforzo de negociación acabar con esta masacre", pois "no século XXI non ten sentido que esteamos matando persoas ou facendo que teñan que emigrar nunhas condicións lamentables".
Carmela Silva, pola súa parte, amosou o seu desexo de que "máis pronto que tarde remate esta agresión contra o pobo de Ucraína" e fixo referencia a unha reunión convocada pola Femp na que ela participou e se puxo sobre a mesa a necesidade de "poñer xa en marcha" o plan de acollemento a refuxiados, que ten que ser "ordenado, coordinado" polas comunidades autónomas e no que xoga un "papel importantísimo" o mundo local, pola súa "capacidade para dar resposta inmediata a situación imprevisibles".