As "gestas heroicas" da Brilat na pandemia, un "orgullo" para Galicia segundo a ministra de Defensa

Pontevedra
12 de xaneiro 2022

Cunha visita que, segundo Margarita Robles, estaba "pendiente desde hacía tiempo", a ministra de Defensa quixo agradecer no nome do Goberno o "trabajo e dedicación" da Brigada Galicia VII (Brilat) durante os dous anos que levamos de pandemia

Margarita Robles, ministra de Defensa, visita o cuartel da Brilat
Margarita Robles, ministra de Defensa, visita o cuartel da Brilat / Mónica Patxot

Cunha visita que, segundo Margarita Robles, estaba "pendiente desde hacía tiempo", a ministra de Defensa quixo agradecer no nome do Goberno o "trabajo e dedicación" da Brigada Galicia VII (Brilat) durante os dous anos que levamos de pandemia.

E é que, máis aló da súa "disponibilidad permanente" para participar en misións internacionais, actualmente en Mali e Iraq, Robles puxo en valor as "gestas heroicas" que realizan "cada día" os integrantes da brigada pontevedresa.

"Tienen el agradecimiento absoluto de todo el Ministerio de Defensa", destacou a súa titular durante o seu percorrido pola base Xeneral Morillo, onde comprobou todo o material que a Brilat pon ao dispor das autoridades civís para combater á covid-19.

Tras a súa colaboración na desinfección de núcleos de poboación e centros de maior actividade, os efectivos da brigada, lembrou a ministra, "acompañan a los más vulnerables", realizan rastreos de contactos estreitos e colaboran nos labores de vacinación.

Margarita Robles destacou que "Galicia entera puede sentirse muy orgullosa de esta brigada", xa que ao traballo realizado durante a pandemia súmase as súas tarefas de vixilancia nos montes para loitar contra os incendios, "una lacra que no nos podemos permitir".

Actualmente, oitenta soldados da Brilat colaboran coas autoridades sanitarias galegas no rastrexo de contactos estreitos de positivos en covid-19, realizando unha media de 13.000 chamadas diarias entre as nove da mañá e as nove da noite.

Desde que comezaron con este labor, en outubro de 2020, os rastrexadores do exército realizaron máis de 2 millóns de chamadas a contactos estreitos.

Outros tres equipos da Brilat forman parte dos equipos móbiles de vacinación, colaborando para inmunizar a persoas vulnerables, dúas deles no 'vacinódromo' de Pontevedra e un terceiro itinerante por residencias e domicilios particulares.

A este respecto, a ministra de Defensa estendeu o seu agradecemento a todo o persoal sanitario de Galicia polo seu traballo nestes dous anos "muy intensos y duros" e reiterou que a "prioridad esencial" é avanzar coas vacinacións porque "es lo que salva vidas".

Durante a súa visita á base pontevedresa, Margarita Robles pasou revista a todo o material e as unidades que o exército pon ao dispor das autoridades civís para calquera tipo de emerxencia ou situación de crise sanitaria ou social.

Así, coñeceu o traballo con medios aéreos non tripulados, os equipos de comunicación militar, a unidade nuclear, biolóxica e química para tarefas de descontaminación, os medios da policía militar ou o robot para desactivación de explosivos.

O percorrido de Robles incluíu ademais o contacto cunha planta potabilizadora de auga con capacidade para tratar 500 litros por hora, os módulos de cociña que poden alimentar a unhas 800 persoas, os hospitais de campaña ou todos os vehículos de transporte, entre eles ambulancias todoterreo que poden operar en condicións adversas.