As forzas e corpos de seguridade vixiarán o aforo e peche das áreas comerciais

Pontevedra
14 de xaneiro 2021

A subdelegada do Goberno presidiu este xoves a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR), na que se coordinaron os operativos de vixilancia e control dos novos peches perimetrais

Axentes da Policía Nacional
Axentes da Policía Nacional / Mónica Patxot

As forzas e corpos de seguridade do Estado e a unidade da Policía Autonómica continuarán traballando conxuntamente na vixilancia e control das novas restricións impostas. A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, adiantou que os principais controis realizaranse en áreas comerciais, cuxo aforo queda limitado e o seu horario de peche establecido ás 21.30 horas.

Ademais, os peches perimetrais serán vixiados con controis móbiles nos que participarán a Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e os diferentes corpos de policía local de cada concello.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu este xoves a reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) da provincia. Este órgano reuniuse polas novas medidas decretadas pola Xunta de Galicia para facer fronte á crise sanitaria e que entrarán en vigor o venres.

A Garda Civil manterá tamén dispositivos móbiles de control dos pasos fronteirizos de Arbo, Salvaterra do Miño, Tomiño e Tui, como xa viñan facendo desde as festividades do Nadal. Segundo manifestou o coronel da Garda Civil, Simón Venzal, o tránsito a través destas pontes internacionais reduciuse considerablemente nas últimas semanas.

Así mesmo, Maica Larriba deu a coñecer os datos dos controis realizados entre o 7 e o 13 de xaneiro na provincia de Pontevedra. En total, 1.657 efectivos participaron en 912 dispositivos, identificando a 16.961 persoas, controlando 11.373 vehículos e elevando 309 propostas de sanción.

Pola súa banda, a unidade da Policía Autonómica informou que neste mesmo período de tempo, despregaron 89 dispositivos nos que se identificaron 742 persoas e se controlaron 550 vehículos, impoñendo un total de 30 sancións. 

Por último, a subdelegada quixo facer un chamamento á responsabilidade da cidadanía, xa que "a implicación e colaboración individuais resultan fundamentais para reducir a propagación do virus".