Tras nove días de "festa e animación" por toda a cidade, as Festas da Peregrina chegan a súa fin. A Semana Grande pontevedresa deixou un bo sabor de boca. Así se destaca desde o goberno municipal. Di Carme da Silva, responsable de Festas, que "miles de persoas encheron as rúas e prazas da cidade" durante estes días, cun ambiente que cualificou como "alegre, festivo e moi agradable" e sen incidentes destacables.
Carme da Silva tamén sinalou a incidencia económica que as festas tiveron para a cidade e non só para o comercio local ou a hostelería. A edil nacionalista explicou que durante este verán foron 70 as empresas que prestaron os seus servizos para algún aspecto relacionado coas festas, o 95% delas galegas "e maioritariamente de Pontevedra". Con elas asináronse 110 contratos.
Ademais, Da Silva destacou a aposta realizada este ano polos grupos "locais e galegos" dentro da programación festiva, ao contar con 85 formacións autóctonas. Foron, dixo, parte do éxito dunha oferta que demostrou "o acerto" dos seus tres escenarios principais, a Praza do Teucro, "definitivamente consolidado como espazo infantil" e a Praza da Ferrería e a Praza de España para os concertos máis masivos.
Neste sentido, a concelleira de Festas quixo agradecer o traballo dos servizos de urxencia municipais, cuxo dispositivo "funcionou perfectamente" e felicitar ao equipo de Festas "por moitos meses de traballo" e, sobre todo, a todos os pontevedreses "que saíron a gozar das festas e deron unha mostra de orgullo da súa cidade aos miles de visitantes que tivemos estes días".
Tras iniciarse xa o desmontaje dos escenarios das festas (as atraccións que quedarán ata o martes), Carme da Silva recordou que malia finalizar a Semana Grande "a festa non para". Recordou que o venres celebrarase a Festa do Demo e antes da chegada da Feira Franca, o 30 e 31 de agosto terá lugar na Praza do Teucro o ciclo de concertos Brinca na Praza. "Aínda queda moita festa", concluíu a concelleira.