O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, anunciaron este mércores en rolda de prensa que a rede de farmacias da provincia participarán de forma voluntaria no cribado de covid-19 da poboación.
Segundo explicou Alba Soutelo, o obxectivo desta colaboración é identificar o virus en persoas asintomáticas.
A proba piloto arranca este xoves en seis farmacias (tres de Pontevedra e tres de Vigo) para, a partir do luns, estendelo en todas as farmacias que se adheriron a esta experiencia pioneira, unhas 222 o 62% da provincia.
Os farmacéuticos ofrecerán esta proba á poboación diana que, en principio, establécese naqueles cidadáns de entre 40 a 64 anos, aínda que isto irá cambiando.
Alba Soutelo matizou que as persoas que se sometan a esta proba deben ser asintomáticos e ademais non poderán estar en coidados paliativos nin inmobilizados, nin poden ter feito unha PCR nos últimos 15 días.
Para aquelas persoas que queiran participar neste cribado, o farmacéutico daralles un tubo de mostras para a súa recoller a súa saliva á primeira hora da mañá no seu propio domicilio, en axunas e sen tomar auga nin lavar os dentes.
A mostra entrégase na área sanitaria e remítense ao laboratorio de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo, onde se analizan mediante a técnica de pooling que permite agrupar varias nunha soa análise. Despois o resultado chegaralle vía SMS ao seu teléfono móbil.
A presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra asegurou que "estamos encantados de participar"
O conselleiro lembrou que "Galicia empezou sendo innovadora na forma de tomar mostras co covid-auto, que despois se estendeu a toda España", e agora, en plena terceira onda, a comunidade contará coas farmacias, de momento as pontevedresas, para a toma de mostras de saliva que se procesan por PCR.
A previsión é que esta colaboración esténdase á menor brevidade posible a todos os colexios de farmacia da comunidade.