As farmacias de Pontevedra están inmersas nunha campaña organizada polo Colexio de Farmacéuticos da provincia que ten como obxectivo informar os cidadáns sobre os requisitos que deben cumprir as receitas privadas e cales son os datos mínimos obrigatorios que os médicos, odontólogos e podólogos deben cumprimentar para que as receitas sexan válidas.
A pesar de transcorrer máis dunha década desde a publicación do Real Decreto 1718/2010 sobre receita médica e ordes de dispensación e de finalizar o prazo de adaptación das receitas médicas fai máis de nove anos, todos os días solicítanse nas farmacias da provincia medicamentos suxeitos a prescrición sen dispoñer da correspondente receita oficial emitida por un facultativo ou ben cunha receita que carece de datos obrigatorios.
Nestes casos, o farmacéutico explica ao usuario que, ademais, de ser unha obrigación legal, é importante para a súa seguridade dispoñer dunha receita oficial correctamente cumprimentada.
“Os farmacéuticos non podemos dispensar sen receita os medicamentos que a necesitan e tampouco podemos facelo se a receita non cumpre os requisitos de formato ou carece dalgún dato obrigatorio. A lei non nolo permite e expoñémonos a unhas sancións moi elevadas por facelo”, afirma a presidenta do Colexio, Alba Soutelo.
“Seguimos recibindo nas farmacias cuartillas co nome do médico ou da clínica impreso, e que só poñen o nome dun ou varios medicamentos, a data, e a firma do médico. Isto hai máis de nove anos que non é unha receita”, asegura a representante dos farmacéuticos de Pontevedra.
Por iso, o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra organiza de novo unha campaña para informar, dunha forma sinxela e visual, que receitas son válidas e cales son os requisitos establecidos pola normativa de receita médica.
Así, en cada receita deben constar os datos do paciente, os datos do medicamento e a forma de administración, os datos detallados do prescritor e a data de prescrición.
Lembran ademais desde o colexio que cada receita equivale, e na maioría dos casos, a un único medicamento e a un único envase do mesmo.