As cifras que lanza a intervención das farmacias de Pontevedra na loita contra a pandemia poñen de manifesto a intensa actividade que os farmacéuticos levan a cabo nos diferentes programas, froito dos acordos de colaboración subscritos entre o Colexio de Farmacéuticos e a Consellería de Sanidade.
Os datos tradúcense en 4.000 positivos por covid-19 detectados ata o momento de forma directa nas farmacias de Pontevedra, aos que hai que engadir os contactos positivos detectados de forma indirecta e as cadeas de transmisión que se cortaron grazas aos cribados que se realizan nas farmacias.
A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, sinalou que "os servizos sanitarios que están a prestar os farmacéuticos nesta pandemia son moi valorados polos cidadáns e pola administración sanitaria galega", e engadiu que "é indiscutible o valor asistencial e social da farmacia, que se evidenciou como un recurso sanitario esencial".
No marco do programa de cribado mediante PCR por pooling en mostra de saliva, que desde o 9 de febreiro de 2021 está activo nas farmacias de Pontevedra, os farmacéuticos dispensaron 122.452 tubos de recollida de mostra de saliva a persoas asintomáticas de 12 a 64 anos.
As 402 farmacias de Pontevedra que participan, o 92% das farmacias da provincia, detectaron ata o momento 2.284 positivos, pasando dun 0,2% de positividade ao comezo do programa ao 11% nesta sexta onda.
TEST INFANTÍS
O luns 31 de xaneiro finalizou a campaña de volta ao colexio que a Consellería de Sanidade, en colaboración coas farmacias e os colexios de farmacéuticos, puxo en marcha para facilitar a entrega gratuíta de autotest de antíxenos de saliva aos nenos de 5 a 11 anos para control da covid-19.
No marco deste orograma, que incluíu tamén a campaña de Nadal dirixido á mesma poboación, os farmacéuticos de Pontevedra dispensaron 50.660 test, proporcionando información aos pais ou titores dos nenos sobre a recollida da mostra, a realización do test, a posibilidade de falsos negativos ou positivos e que facer en caso de resultado positivo.
TEST DE AUTODIAGNÓSTICO DE ANTÍXENOS
A realización de test de autodiagnóstico de antíxenos, na que participan 297 farmacias de Pontevedra (68%) e que está activa desde o 29 de xullo de 2021, permitiu detectar 1.716 positivos no 48.915 test realizados.
Os farmacéuticos informan, supervisan a toma de mostra, procesan a mostra, len o resultado do test, rexístrano no Sergas e emiten o certificado co resultado. Desde o 30 de decembro un resultado positivo contabilízase directamente como un caso positivo confirmado, mentres que antes desa data era necesario a confirmación mediante PCR.