Despois de tres anos de parón pola pandemia da covid-19, as familias galegas volven acoller nenos e nenas saharauis. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, recibiu este martes á cativada que pasarán este verán en Galicia no marco do programa Vacacións en Paz, organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps).
O Goberno galego leva oito anos colaborando con esta iniciativa que trata de evitar que os nenos teñan que soportar temperaturas de máis de 50 graos no campamento de refuxiados de Tindouf, en Alxeria.
No acto participou un grupo de doce nenos que estiveron acompañados polas súas familias de acollida. O Goberno galego achega este ano 100.000 euros a Sogaps para a posta en marcha deste programa. Unha cantidade que se mantivo durante os dous últimos anos no que Vacacións en Paz se tivo que suspender por mor da pandemia. Neste tempo, os fondos foron empregados para enviar axuda humanitaria como a compra de alimentos ou a atención sanitaria.
Durante a súa intervención, Fabiola García agradeceu ás familias acolledoras a súa exemplar solidariedade e destacou a ampla traxectoria de Sogaps, que nos seus máis de 30 anos de actividade fixo posible a estancia en Galicia de preto de 7000 rapaces. Con este programa, sinalou, garántese o dereito a unha infancia feliz para estes nenos que, ademais de evitar as altas temperaturas de Alxeria, reciben agarimo e atención da súa familia galega.
Despois do acto institucional, os cativos que residen con familias de Marín e Bueu foron recibidas polos alcaldes destes municipios nos salóns de plenos de sendos Concellos.