As familias do Villa de Pitanxo reuniranse coas autoridades do centro de salvamento de Halifax de Canadá

Marín
23 de maio 2022

Este luns os familiares expresaron o seu rexeitamento a que a armadora do buque, o Grupo Nores, compareza como prexudicada na causa xudicial que dirimirá posibles responsabilidades penais polo afundimento

O Joint Rescue Coordination Center (JRCC) Halifax coordina a operación de salvamento marítimo en Canadá
O Joint Rescue Coordination Center (JRCC) Halifax coordina a operación de salvamento marítimo en Canadá / Salvamento Marítimo

A Delegación do Goberno en Galicia confirmoulles esta tarde ás familias dos mariñeiros do Villa de Pitanxo que en próximas datas poderán manter unha reunión por videoconferencia coas autoridades do Centro de Coordinación de Rescate Halifax de Canadá, tal e como solicitaron os propios familiares.

A falta de fixar a data definitiva, a celebración da reunión telemática está pechada tras as xestións realizadas entre o Goberno de España e o de Canadá, despois de ser trasladada esta petición das familias por parte do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

As familias pedirán ao delegado que se convoque este encontro con antelación "y que se dote de contenido".

Por outra banda, este luns os familiares expresaron o seu rexeitamento a que a armadora do buque, o Grupo Nores, compareza como prexudicada na causa xudicial que dirimirá posibles responsabilidades penais polo afundimento. 

A portavoz das familias, María José de Pazos sinalou que "los que somos perjudicados realmente somos las 21 familias" ademais do terceiro sobrevivente, Samuel Koufie, "que son los que están pidiendo que se baje al pecio para recabar pruebas".

María José de Pazos lembrou que nin a empresa armadora nin o patrón, Juan Enrique Padín, nin o seu sobriño, Eduardo Rial (os outros dous sobreviventes) pediron nunca publicamente que se baixase ao pecio para obter datos sobre o que ocorreu a madrugada do 15 de febreiro. 

Estas declaracións tiveron lugar este luns en Vigo onde acudiron para manter unha reunión co alcalde Abel Caballero, que se comprometeu a apoiar unha moción que se debaterá esta semana no pleno e na que se insta ao Goberno central a baixar ao pecio para investigar as causas do naufraxio. 

"Sabemos que el alcalde no puede firmar la bajada al pecio, pero es muy importante, sobre todo, cuando según dicen los expertos, solo se puede bajar en verano", afirmou María José de Pazos.

O próximo 31 de maio terá que declarar o patrón na Audiencia Nacional en calidade de investigado polos posibles homicidios imprudentes das 21 vítimas do afundimento.