As familias do CEIP San Clemente rexeitan a eliminación de docentes e dunha unidade de Infantil: "Este absurdo recorte incumpre a propia normativa da Xunta"

Umia
06 de setembro 2024

As familias da comunidade educativa do CEIP San Clemente súmanse ás críticas do alcalde de Caldas de Reis pola eliminación das tres liñas de Educación Infantil e os dous docentes e rexeitan "de forma contundente esta decisión ilegal e inxustificada da Consellería de Educación"  

Exterior do CEIP San Clemente de Caldas
Exterior do CEIP San Clemente de Caldas / CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar

As familias da comunidade educativa do CEIP San Clemente súmanse ás críticas do alcalde de Caldas de Reis pola eliminación das tres liñas de Educación Infantil e os dous docentes e rexeitan "de forma contundente esta decisión ilegal e inxustificada da Consellería de Educación".

Indican que esta "incomprensible medida" publicouse no DOG do 21 de agosto, é dicir, en pleno período vacacional e a 20 días do comezo das clases, "cando as familias xa tiñamos formalizada a matrícula dos nosos fillos e fillas, aos que se lles prometera unhas condicións moi diferentes ás que agora nos atopamos".

Con todo, "o realmente grave é que este absurdo recorte incumpre a propia normativa da Xunta no que se refire a Educación Infantil, xa que provocará que se rebasen as ratios legais de alumnado por aula", agrupando en dúas liñas as crianzas de 3, 4 e 5 anos. Esta situación "choca cos límites aprobados no 2009 e ratificados o pasado ano" e obvia a presencia de cativos con necesidades especiais reconocidas pola administración, o que eleva o total a 29. "Isto impide, coa lei na man, reducir o número de aulas", critican.

"A solución, en palabras da dirección do centro e a falta de confirmación polo goberno autonómico, pasa por recuperar un mestre e ofrecer un desdobre", algo que as familias consideran "totalmente insuficiente, xa que ao non restaurar a liña de xeito oficial se perdería o persoal de apoio vinculado a ela".

"As familias que eliximos escolarizar os nosos fillos e fillas en San Clemente fixémolo atraídas por un modelo de proximidade e apoio á educación que, agora, foi posto en serio perigo por esta decisión", subliñan, e consideran que "este tesoirazo ataca directamente as señas dunha identidade que foi a que nos fixo decantarnos por este centro e por iso nos sentimos dobremente estafados".

Por todo iso, "non aceptaremos ningunha solución por debaixo do que tiñamos ao final do curso pasado, cando formalizamos a matrícula: tres liñas de Educación Infantil con todos os servizos vinculados a elas", conclúen.