As familias de Bóveda, Paz e Caamaño presentarán o luns 18 as querelas individuais por "crimes do franquismo"

Pontevedra
16 de xaneiro 2021

Estas familias presentarán a demanda ante o Consulado arxentino na cidade de Vigo. Esta acción culmina o proceso que comezou en novembro de 2019 na Deputación de Pontevedra, a través do asesoramento proporcionado por CeaQua, a IGM e o grupo de Avogados Novos de Vigo

Amancio Caamaño con Castelao e Maquieira
Amancio Caamaño con Castelao e Maquieira / Deputación de Pontevedra

O luns 18 será a data en que as familias de Alexandre Bóveda, Ramiro Paz e Amancio Caamaño presenten as querelas individuais #ante a xustiza arxentina por "crimes do franquismo". Estas querelas presentaranse ás 12.00 horas na sede do Consulado de Arxentina na cidade de Vigo.

Con esta acción, estas familias queren que a xustiza dite sentenza e achega a verdade sobre os asasinatos acontencidos na Caeira, en Poio, no ano 1936. Buscan tamén que se revoguen as condenas destes tres homes fusilados e que se sancionen os seus axustizamentos.

Este proceso comezaba o 16 de novembro de 2019 a través dun acto público que se desenvolvía na Deputación de Pontevedra, no momento en que as tres familias anunciaban a súa intención de sumarse á querela Arxentina.

Para contextualizar o obxecto da querela foi necesario un traballo amplo de recompilación de documentos, bibliografía e diferentes informacións para reclamar que se faga xustiza ante estes asasinatos que se rexistraban tras o golpe de estado de 1936.

A Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (CeaQua), Iniciativa Galega pola Memoria ( IGM), HIstagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural) achegaron asesoramento a estes familiares e a Comisión de Dereitos Humanos do Grupo de Avogados Novos de Vigo encargouse de redactar a querela, de maneira desinteresada.

A presentación atrasouse con motivo da crise sanitaria pero desenvolverase o luns co apoio da deputada nacionalista María Ortega, que acompañará ás familias ás oficinas do Consulado.

As querelas serán presentadas por Amalia Bóveda Álvarez e Valentín García Bóveda, filla e neto de Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira o 17 de agosto de 1936; Begoña Caamaño Santos e Olga Caamaño Santos, netas de Amancio Caamaño Cimadevila, médico e presidente da Deputación nos anos 32 e 33, fusilado tamén na Caeira o 12 de novembro do 36; e Ángel Ramiro Paz García e  Anxos Paz García, netos de Ramiro Paz Carbajal, impresor e líder político fusilado tamén no mesmo lugar o 12 de novembro do fatídico ano.

As tres familias son as primeiras de moitas outras que, segundo a  Deputación, teñen previsto sumarse á causa arxentina.