As familias dos tripulantes falecidos e desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo pediron unha reunión coa embaixadora de Canadá en España, Wendy Drukier, para falar sobre o naufraxio e sobre as posibilidades de descender ás augas de Terranova nas que se afundiu o buque.
A portavoz das familias, María José de Pazo, deu a coñecer este venres a petición desta reunión, que chega tras unhas recentes declaracións do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, nas que falaba de "impedimentos legais" para baixar ao pecio do buque.
#Ante esas declaracións, as familias presentaron un escrito na Subdelegación do Goberno en Pontevedra dirixido a Miñones "pedindo explicacións" sobre esas declaracións e preguntando por eses impedimentos legais e, ademais, solicitaron a reunión coa representante canadense.
Segundo adiantou María José de Pazo, preguntaranlle se hai impedimentos por parte de Canadá.
Este venres, María José de Pazo tamén recoñeceu que ás familias colleunas "un pouco de sorpresa" o auto ditado polo Xulgado de Instrución numero 2 de Marín polo que non acepta a inhibición acordada o Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional e acorda devolver a causa ao xulgado orixinal.
A pesar deste pequeno revés, insiste en que "seguimos confiando na xustiza" e móstrase convencida de que "sabemos que se non é en 15 días, nun mes; a causa terá un xuíz ou unha xuíza e investigarán todos os indicios que hai". Non é, por tanto, un asunto que lles preocupe, senón que cre que "non queda outra que ter paciencia e esperar".
De feito, insiste en que "neste momento o que nos preocupa máis é a negativa sen fundamento a baixar ao buque". Así, o foco de preocupación é o Goberno estatal, que rexeita a opción de descender ao pecio.
María José de Pazo lembrou este venres que entre xuño e agosto hai unha "xanela de oportunidade" para baixar ao barco polas condicións do tempo e o mar en Terranova e "debería ser aproveitada".