Ata os 385.000 euros ascenderán as expropiacións que serán necesarias para executar o novo vial de acceso a Montecelo, que rodeará o complexo hospitalario de xeito perimetral.
Así consta no documento que vén de ser aprobado pola Xunta de Galicia, a administración que asumirá o custo das expropiacións dos 85 predios que ocupará esta estrada.
O decreto aprobado polo goberno galego declara a urxencia para a ocupación dos terreos necesarios para a construción do vial, que será executado polo Concello e que conta un investimento duns 1,4 millóns de euros.
A Xunta convocará en breve aos afectados para o levantamento de actas previas e de ocupación.
O obxectivo da nova vía, de 830 metros de lonxitude, é dar servizo e circunvalar o hospital Gran Montecelo. Terá inicio e final na actual avenida de Montecelo que dá acceso ao hospital e contará con catro glorietas, unha ao comezo, outra ao final e dúas intermedias.
A estrada proxéctase como unha vía de calzada única con dous carrís, un por sentido, de 3,30 metros de anchura cada un, e beirarrúas a ambos os dous lados. O proxecto prevé a limitación da velocidade do percorrido a 30 km/hora, con pasos de peóns elevados.