As expropiacións encarecen o proxecto da estrada Xesteira-Almofrei

Cerdedo-Cotobade
17 de abril 2015

O pleno da Deputación debatirá na súa vindeira sesión a proposta de modificación de crédito do proxecto de ensanche e mellora da estrada Xesteira-Almofrei no concello de Cotobade

Traballos de roza en Cotobade
Traballos de roza en Cotobade / Concello de Cotobade

O pleno da Deputación debatirá na súa vindeira sesión a proposta de modificación de crédito do proxecto de ensanche e mellora da estrada Xesteira-Almofrei no concello de Cotobade.

Aprobado pola xunta de goberno o pasado mes de marzo, a Deputación ten que ampliar o seu orzamento ata os 608.675 euros para a realización dos traballos de ampliación da estrada e execución do expediente de expropiación de varias fincas afectadas polas obras.

A Deputación informou que se expropiarán 23 terreos e nun tramo dun quilómetro ampliarase a calzada ata os nove metros.

O vial terá dous carrís de tres metros e medio cada un e unhas beiravías dun metro. Revestiranse 270 metros de cuneta e 280 metros de colector pola marxe esquerda para mellorar a drenaxe. Os traballos inclúen a construción dun muro dique. Ademais, afirmaranse as zonas de ensanche e sinalizarase todo o tramo.